O Morrazo ten un límite

97

A nosa comarca está inmersa nun proceso de turistificación que vai en aumento de maneira exponencial nos últimos anos. 

A veciñanza do Morrazo estamos sendo testemuñas de como este proceso, caótico, desordenado, invasivo e egoísta avanza sen que se poña enriba da mesa outro discurso que o hexemónico: o turismo trae riqueza.

Mentres, cada temporada vacacional que superamos somos máis conscientes das consecuencias que isto supón para as nosas vidas: degradación do territorio, homoxeneización cultural, estrés e ansiedade, desaparición da vivenda anual e suba desproporcionada dos prezos, traballo precario e temporal, contaminación, atascos…

A isto hai que sumarlle unha tendencia do negocio do turismo que aposta polo consumo rápido de lugares, experiencias e persoas para saltar inmediatamente ao seguinte destino de moda. O incremento das temperaturas que está provocando a crise climática no Mediterráneo fai que agora sexamos nós esa moda. Así, atopamos moi habitualmente persoas que non teñen ningún interese na nosa cultura nin no noso estilo de vida. Só queren sol, praia e comida e están dispostos ao que sexa para conseguilo. Porque alguén lles dixo que teñen dereito a telo, que é seu, e que polo tanto poden collelo pasando por riba de todo e de todas. 

Atopámonos, pois, con vehículos aparcados en dunas, cadeas de propiedades privadas abertas pola forza para aparcar preto da praia, auto-caravanas en paseos peonís, acampadas en praias e espazos naturais protexidos, faltas de respecto a traballadoras da hostelaría, esixencias para mudar o noso idioma á hora de ser atendidas.

Estamos chegando ao punto de fechar praias ao baño por presencia de bacterias fecais. Literalmente: cagan por nós e temos que dicir que chove.”

Estamos chegando ao punto de fechar praias ao baño por presencia de bacterias fecais. Literalmente: cagan por nós e temos que dicir que chove. Centos de iates e veleiros cargados de turistas invaden o noso mar danando os ecosistemas, as persoas e a convivencia. 

A capacidade dos nosos sistemas de almacenamento de auga e saneamento está deseñado para soportar unha presión que estamos superando en moito, provocando escaseza en momentos de seca, vertidos e afectando os nosos servizos. 

As persoas novas da comarca en idade de independizarse teñen imposible o acceso á vivenda, por estar toda ela destinada ao turismo e a pouca alternativa laboral que temos está centrada na época estival e con salarios miserentos. 

E ante todo isto, un único discurso que dende as institucións e o sector privado se repite unha e mil veces, querendo impoñelo como verdade incuestionable: o turismo trae riqueza. 

Estamos mirando os efectos en  vilas e cidades doutros territorios próximo. A súa poboación local expulsada, e os seus recursos explotados en nome do gran maná imperialista do século XXI, do gran negocio dos visionarios da compra-venta de experiencias. Miramos como as poucas poboacións locais que conseguen seguir vivindo nestes territorios convértense en figurantes dunha especie de gran obra de teatro, e as súas vivendas e prazas en decorados “con encanto” ao servizo do visitante. 

Pero no Morrazo aínda estamos a tempo. A nosa sociedade está organizada. Colectivos culturais, sociais, ecoloxistas, sindicais, políticos, deportivos… e non imos permitir que a nosa comarca sexa arrasada.

O Morrazo non é un produto que se poida vender ao mellor postor. É un lugar para vivir. Unha comarca digna, organizada e combativa cunha cultura secular disposta a seguir existindo.”

O Morrazo non é un produto que se poida vender ao mellor postor. É un lugar para vivir. Unha comarca digna, organizada e combativa cunha cultura secular disposta a seguir existindo. A poboación morracense imos facer a nosa parte do traballo. Imos debater, investigar e buscar alternativas, propoñer solucións e imos berrar con forza un discurso alternativo ao que agora mesmo predomina.

Neste sentido, esiximos dende xa ás institucións que deixen de mirar para outro lado, que actúen con valentía na defensa do que é noso, que formulen e poñan enriba da mesa o debate. Que deixen de gastar cartos públicos en realizar campañas para promover o turismo e que destinen eses mesmos esforzos en salvar o noso territorio e mellorar a calidade de vida e o futuro da poboación local,  desta nova agresión continuada e crecente.