Fai trinta anos comezaríamos esta crónica dicindo: un ano máis…. Pero a realidade é que foron catro anos despois, porque a negociación colectiva deixou de ter un ámbito temporal anual para ser de tres, de catro en catro, cando non de cinco ou de seis anos. Non hai que ser moi douto na materia para deducir que o espazamento da negociación colectiva é un útil patronal.
De igual xeito, a asemblea de traballadoras deixou de ser a ferramenta central na mesma negociación colectiva para ser substituída pola decisión dos liberados sindicais. É evidente tamén para calquera profano, que a ausencia da asemblea como centro de información, debate e decisión democrática, mutila definitivamente a vontade e os intereses da clase traballadora.
“A asemblea de traballadoras deixou de ser a ferramenta central na mesma negociación colectiva para ser substituída pola decisión dos liberados sindicais.”
Estas anomalías sindicais non son calquera cousa; é mais, atrevémonos a afirmar que aquí reside en gran medida a motivación máis importante da ausencia de loita sindical de clase na actual conxuntura laboral. Isto non aconteceu da noite para a mañá senón que é o resultado dun proceso perfectamente planificado nos últimos trinta anos.
Esta diagnose é aplicable a calquera ámbito sindical pero a nosa obriga é identificar e obxectivar este fenómeno, situándoo no seu verdadeiro contexto e analizando as consecuencias destas dinámicas antisindicais.
O pasado día 15 de maio as centrais CCOO e UGT asinaron coa patronal representada por ASIME, ATRA e INSTALECTRA un preacordo de Convenio Colectivo para o Sector do Metal da provincia de Pontevedra. Este preacordo para catro anos, supostamente foi ratificado polos delegados sindicais das mesmas centrais. A CIG non o asinou e acusou publicamente de traizón ás centrais españolas.
Imos refrescar a memoria: previo ao acordo, houbo catro xornadas de folga, concretamente os días 7, 13 e 14 de maio, convocada polas tres centrais -CIG,CCOO e UGT- e o pasado 19 de maio convocada só pola CIG xa co preacordo asinado polas centrais españolas.
Imos ver: represéntase a unidade sindical de CIG, CCOO e UGT cunha Plataforma supomos que única, logo ven o descolgamento da Folga e a sinatura do preacordo por CCOO e UG. Inmediatamente a CIG acusa publicamente ás centrais españolas de traizón sindical. Aquí algo non cadra, pero imos intentar explicalo e entendelo.
Falando do Metal en Pontevedra –e en xeral tamén- a traxectoria de CCOO e UGT é ben coñecida. Traizóns ou negociacións ás costas da mesa foron a súa traxectoria nos últimos trinta anos. Calquera opción sindical que se pretenda fiel á clase traballadora debe ter en conta quen son estas corporacións á hora de constituír a Mesa Negociadora. Máis alá da correlación sindical e do previsto na LOLS e do Estatuto dos Traballadores.
Non será que na realidade están a representar cada quen o seu papel? Porque sabendo da traxectoria amarela de CCOO e UGT, sabendo que tarde ou cedo van pintala… Como se pode falar de “unidade sindical” sen unha asemblea de traballadoras? Unha asemblea viva e con capacidade para fiscalizar os pasos dos lacaios da patronal.
O final do “conflito” de goma espuma do Metal de Pontevedra era previsible desde o minuto un. Desde o principio as cartas estaban botadas, cada quen asumiría o seu papel: uns -CCOO e UGT-, que xa fai décadas perderon a vergoña, asinarían o que lle puxeran diante. E outros, os que “non traizoan ós traballadores” realizarían o seu papel.
“Todo quedaría nun simple e mediocre acto de teatro bufo do malo, se non se condenara a máis de 30.000 traballadores e traballadoras do Metal ás gadoupas da patronal.”
Todo quedaría nun simple e mediocre acto de teatro bufo do malo, se non se condenara a máis de 30.000 traballadores e traballadoras do Metal ás gadoupas da patronal . Todo sería unha anécdota noxenta se non se castrara a referencia de negociación colectiva para o resto dos Convenios da provincia de Pontevedra.
Os e as traballadoras debemos de sacar conclusións, debemos de reflexionar sobre o acontecido. Non debemos permitir que os responsables desta desfeita nos leven ao pozo do ostracismo. En realidade que é o que se reivindicou? As convocatorias de Folga en realidade foron ferramenta de loita ou foron outra cousa?
” Ninguén cun suposto relato sindical pode usurpar ou suplantar o que lle corresponde á asemblea de traballadores afectados.”
Temos que construír un verdadeiro movemento asembleario que debata, organice e decida sobre o que é noso. Ninguén cun suposto relato sindical pode usurpar ou suplantar o que lle corresponde á asemblea de traballadores afectados. De non ser así, seguiremos cautivos non so da violencia patronal senón tamén do gangsterismo sindical.












