O metal de Pontevedra ten que volver ser referente de loita

264

O día 13 e 14 de maio están convocadas novas xornadas de folga no sector do metal da provincia de Pontevedra no marco da negociación do convenio colectivo. Unha convocatoria impulsada polos sindicatos CIG, CCOO e UGT presentes na mesa negociadora e fronte á patronal ASIME.

Dende a CUT queremos ser claros: estas xornadas de folga non poden ser unha folga máis nin un simple trámite para pechar un acordo á baixa. O sector do metal está xogándose moito máis que un convenio; está xogándose a recuperación da dignidade, da forza colectiva e do papel histórico de loita que nunca debería ter perdido a clase traballadora.

“Estas xornadas de folga non poden ser unha folga máis nin un simple trámite para pechar un acordo á baixa. O sector do metal está xogándose moito máis que un convenio; está xogándose a recuperación da dignidade, da forza colectiva e do papel histórico de loita que nunca debería ter perdido a clase traballadora.”

O metal de Pontevedra foi durante décadas vangarda da loita obreira. Foi quen de marcar o camiño para o conxunto da clase traballadora. Hoxe, porén, a realidade é ben distinta: fragmentación, medo, represión e unha práctica sindical que en demasiadas ocasións apostou pola desmobilización e o pacto á baixa.

NON ÁS LISTAXES NEGRAS E Á REPRESIÓN PATRONAL:
As persoas traballadoras do metal non poden seguir soportando ameazas, vetos encubertos e listaxes negras por exercer o seu dereito á folga e á organización. Isto non é negociable! Ou se erradican estas prácticas mafiosas ou non pode haber paz social.

NON A UN CONVENIO DE MISERIA:
Non abonda con pequenas subas salariais ou maquillaxes. O que está en xogo é reverter anos de recortes, precariedade e perda de dereitos. Non se pode aceptar un acordo que non responda ás necesidades reais da clase traballadora.

POR UNHA FOLGA REAL, ATA GAÑAR:
A experiencia demostra que as folgas illadas e controladas só serven para desgastar sen avanzar. Se a patronal non cede, o camiño é claro: a loita debe ser total e permanente ata o obxectivo final; asinar un convenio sen recortes e con avances reais económicos e sociais.

A ASEMBLEA COMO ÚNICA GARANTÍA:
Só a organización asemblearia, dende abaixo e en todos os centros de traballo, pode garantir que esta loita responda aos intereses das persoas traballadoras e non a cálculos alleos. O futuro do convenio non pode decidirse en despachos; debe decidirse nas asembleas.

Chamamos ao conxunto do sector —naval, automoción, carpintería metálica, electromecánica— a secundar masivamente as xornadas de folga e a prepararse para dar continuidade á mobilización.