O liderado burgués non nos representa!

203

Dende a Secretaría das Mulleres da CUT queremos denunciar a celebración do III Congreso “Mujeres en el Sector Público” que terá lugar o 18 e 19 deste mes en Compostela. Un encontro presentado por un home, Miguel Santalices, e que como vén sendo habitual na Xunta de Galicia, nun novo desleixo pola lingua, está promovido exclusivamente en castelán.

O título elixido é “Liderazgo feminino” e as ponencias son impartidas por mulleres poderosas dos ámbitos xudiciais, políticos, universitarios, científico e incluso das forzas represivas do Estado español, nunha clara mostra do que non son as mulleres do sector público: mulleres burguesas que dende a súa posición de privilexio non deron sequera cun “teito de cristal”, ou este era moi feble, no seu camiño ao liderazgo que queren vendernos, e ao que só unhas poucas teñen acceso.

Este encontro é unha mostra máis da cultura do privilexio dentro do feminismo burgués, onde as persoas con vantaxes fan uso dos seus recursos sen atender ás desigualdades do sector. Elas mesmas reproducen a violencia que exercen as institucións e que é insoportable no día a día das mulleres traballadoras, tanto no ámbito público coma no privado, xa que son parte e participan do sistema de opresión heteropatriarcal que todas vivimos e polo tanto parte responsable nas violencias sistémicas. 

O Congreso non representa a realidade das traballadoras do sector público galego, senón que esquece, entre outras moitas, ás mulleres precarizadas, o 60% do persoal temporal da administración. Ao mesmo tempo que se fala de liderazgo estáse a negar o desenvolvemento da carreira profesional de milleiros de empregadas públicas, evitando o seu ascenso. 

Dende o feminismo combativo e de clase rexeitamos o falso feminismo que vén dado dende as institucións e que non contempla as realidades das mulleres galegas: un cabalo de Troia que perpetúa o modelo patriarcal e pretende acalar as voces da loita real das mulleres traballadoras.