O LEGADO DE FEIJÓO: DESPEDIDOS

439

A CUT Ensino como colectivo que naceu na loita contra a temporalidade e pola estabilización do profesorado queremos amosar a nosa máis fonda preocupación pola situación na que quedaron centos de compañeiras/os tras as adxudicacións definitivas do pasado día 2.

Cun proceso de estabilización impulsado polo sindicalismo combativo que o Congreso dos Deputados se encargou en transformar nunha solución a medio gas, a Xunta de Galicia acomete uns recortes de persoal nunca vistos e que levan a estes compañeiros ao fin do seu vínculo de interinidade en praza vacante.

Dende a CUT lanzamos a seguinte cuestión a Función Pública da Xunta de Galicia e ao Subdirector Xeral de Recursos Humanos:

En que limbo legal deixa a estes docentes ás portas dos procesos de estabilización tras este cese inxustificado de persoal de longa duración?

Con que finalidade rompe o vínculo laboral con estes docentes sen darlles previamente unha solución ao seu propio abuso? 

Estes recortes son froito da vontade política de saturar o ensino público masificando aulas e sobrecargando docentes e non hai ningunha razón que xustifique o cesamento provocado do persoal interino de 10, 15 ou 20 anos de antigüidade. Alfonso Rueda, Miguel Corgos e José Luis Canosa son os responsables directos da destrución dos postos de traballo no ensino e da precarización de centos de familias galegas. Os tres son os responsables dos despedimentos.

Seguimos a traballar na ampliación de prazas na oferta de estabilización á que todos os docentes cesados poderán presentarse para tentar reverter esta situación, pero a oferta como denunciamos en numerosas ocasións é ridícula e non cumpre co mandato legal  en número de prazas polo que pediremos aos tribunais a súa ampliación de forma inminente. Estes tres señores do capital non deixan de prevaricar en cada capítulo na loita pola estabilidade.

Dende a nosa asesoría daremos as indicacións oportunas ao profesorado non adxudicado en vacante durante o mes de setembro para interpoñer a correspondente demanda de cese. É importante que os afectados/as saiban que aínda que comecen a facer substitucións o seu vínculo coa Consellería cambia e con isto a súa situación laboral.

O 11 de Setembro a CUT sairá ás rúas para que a tríada de San Caetano saiba o que é un colectivo en loita que non os deixará durmir ata obter unha solución de estabilidade para todas. Tampouco esquecemos a man sempre presente dende Madrid que manexa á marioneta sentada no trono da Xunta: o moi madrileño, iniciador e promotor de todo este proceso de destrución: Alberto Núñez Feijóo.

Se queres seguir informado sigue á CUT nas nosas redes ou na web.