«Eu son Jehová, o Deus de Abraham, o teu pai, e o Deus de Isaac; a terra en que estás deitado dareicha a ti e á túa descendencia» (Xénese 28:13).
Esta comunicación do Secretariado Político da CUT quere explicar o proceso de creación e consolidación do Estado de Israel en Palestina, a través dun proceso colonial de substitución da poboación autóctona. O seu obxectivo é comprendermos que o proxecto político “dos fillos e fillas de Sion” da creación dun Estado ocupante en Palestina, nas terras dos árabes palestinos, nunca tivo ningunha lexitimidade.
A creación dun estado para o pobo xudeu, a Terra de Israel (Eretz Yisra’el) baséase nunha narrativa esencialmente bíblica (o regreso á terra prometida aos descendentes de Abraham, Isaac e Iacob) con algún sustrato aparentemente histórico. Como proxecto político a constitución dun Estado en terra-impropia só podería sustentarse nun identitarismo relixioso fanático (o sionismo) e concretarse nun contexto sociopolítico moi específico.
Esta reivindicación podería quedar nunha anécdota histórica, posto que no fondo para as lóxicas míticas a terra de Xerusalén sería escenario propicio para ser reivindicado tanto por cristiás (berce do cristianismo), musulmáns (ascenso de Mahoma aos ceos) como xudeus (terra prometida) e levaba séculos habitada – Palestina – por comunidades árabes palestinas, organizadas en base ao millet, de confesión meridianamente musulmá.
Con todo, a diáspora e dispersión internacional violenta derivada da coñecida condena a unha persistente persecución en Europa, baixo o obstinado sometemento a pogromos, dende o propio medievo, e con grande magnitude na Alemaña nazi, serviu como fundamento para lexitimar o proxecto de creación dun “lugar seguro” – para os xudeus. En termos políticos, serviu para afiuzar un discurso de ocupación relixioso e identitario, cando singularmente a similar política de exterminio que sufriu o pobo xitano romaní (que inclúe a devoración nazi ou porrajmos) coa mesma extensión histórica e persistencia, pasou particularmente inadvertida para a memoria colectiva, que aínda considera a súa diáspora e dispersión unha especie de entretemento masivo.
Este discurso da ocupación de terras, que pasa necesariamente pola substitución da poboación orixinaria, perfecciónase co denominado sionismo moderno (s. XIX) baixo as teses de Theodor Herzl (na obra Der Judenstaat) que propón que tanto a tradición bíblica como a distante traza histórica dos reinos de Xudá e Isreal xustificarían un reagrupamento nun Estado xudío refuxio en Palestina organizada a través dunha migración dirixida (aliyá).
Serán as forzas británicas, que tomaran Xerusalén en 1917, e que participaran do reparto internacional do pastel do “inframundo” para crear o Mandato Británico para Palestina as que facilitarán esta ocupación. Durante un tempo os británicos xogarán a partida da xeopolítica con compromisos cos árabes (asegurándolles a disposición sobre o seu propio pobo) e co sionismo británico asinando a Declaración Balfour de 1917, que toma o nome do Ministro de Asuntos Exteriores; acordando a creación dun “fogar nacional” xudeu en terra allea.
Desta maneira, o sionismo consegue un fundamento “legal” para organizar o movemento internacional á Palestina ocupada por Gran Bretaña, sendo que a Organización Sionista Mundial planifica unha aliyá financiada por un poder económico representado polo Anglo-Palestine Bank (hoxe o Banco Leumi) e o Jewish National Fund. Para quen teña curiosidade, a transliteración do nome hebreu deste fondo é Keren Kayemet LeIsrael, é dicir: KKL.
“Para ocupar terras efectivamente poboadas, é necesario desenvolver un programa de espolio á súa poboación.”
Así as cousas, baixo o dominio da lexitimidade desta ocupación, sendo que o acceso ás terras palestinas constituían un dereito natural ou bíblico – como predica o sionismo – e co paradigma do dereito a un fogar seguro, foise configurando a auténtica fisionomía desta operación: a desposesión. Para ocupar terras efectivamente poboadas, é necesario desenvolver un programa de espolio á súa poboación.
Inicialmente este asentamento baseouse na compra progresiva de terras e a substitución da poboación palestina aproveitando a indubidábel riqueza dos migrantes xudeus, e a estrutura económica ao servizo deste proxecto constitutivo. Mais os límites desta operación estarían na submisión pacífica a este programa de supresión identitaria. No 1936 prodúcese a Gran Revolta Árabe ou Palestina, cunha folga xeral insurreccional contra o colonialismo británico facilitador da depredación do territorio, participada por un campesiñado expulsado da terra e devorado pola fame.
Desconformes co “insuficiente” resultado do aplastamento violento do conflito polo Mandato, o sionismo inicia a violencia armada. Nun contexto de emancipación nacional dos pobos árabes, o Mandato Británico reprégase e no contexto da ONU acórdase a Resolución 181 da ONU (1947) acordando a división do territorio, entregándolle o 55 % do país aos colonos. Isto provoca unha situación de conflito armado que dá lugar á ocupación por depredación.
Nun contexto de absoluta desigualdade de forzas, polo diferenciado acceso aos recursos económicos para o conflito, as forzas do sionista David Ben Gurion comezan unha política programada de limpeza étnica, a Catástrofe (Nakba –??????). Comeza coa destrución social de palestina durante a propia Guerra, e que se sistematiza dende o 14 de maio de 1948, día no que se declara a constitución formal do Estado de Israel. Entre o 1947 e o 1949 prodúcese o desprazamento forzado de 700.000 palestinos e palestinas, asentándose en campamentos improvisados en Cisxordania (ocupada por Transxordania), a Franxa de Gaza (ocupada por Exipto), Siria e o Líbano, e a destrución masiva e o abandono de comunidades enteiras. Uns refuxiados e refuxiadas cuxo regreso Israel negou aos seus fogares formalmente en 1948 e para o futuro. Este feito traza a memoria da colonización en Palestina. No imaxinario israelita constitúe a denominada “Guerra de Independencia”.
Dende este momento, a estratexia de desposesión israelita tivo unha dobre estrutura: a destrución e a substitución. O dominio armado por unhas forzas cuxa superioridade militar resulta indubidábel, deulle soporte á continuidade do Estado israelita. Mais doutra banda, utilizando á sociedade civil como un instrumento de ocupación, iníciase o denominado colonialismo de asentamento (settler colonialism), derivando a diferentes comunidades a colonos que non se dirixen á explotación temporal de recursos ou a rexer as comunidades, senón que se organizan os fluxos de poboación israelita ao fin de substituír á poboación palestina e establecer unha nova sociedade israelita no seu lugar. Xa no 1967 esta dobre táctica política asegurou o avanzo isrealita sobre terras densamente poboadas como Cisxordania, Gaza, o Sinaí e os Altos do Golán, para ficaren para sempre baixo un rexime definitivo de ocupación.
Dende a década de 1960 o apoio dos Estados Unidos á política israelita convértese, por diversas razóns, nun sustento sólido para a súa maquinaria colonial, xogando dunha banda o lobby proisraelita interior un papel relevante. Mais en termos xeoestratéxicos Israel converteuse no Estado Policía dos intereses de EEUU en Oriente Próximo. Tanto co obxecto da xestión militar indirecta dos recursos enerxéticos, esencialmente as rutas do petróleo e do gas; como para manter o denominado “equilibrio rexional” que non é outra cousa que a disciplina armada da “orde mundial” constituída na posguerra.
O rostro dramático desta sólida e progresiva ocupación, cunha clara axenda de eliminación do pobo palestino, non é preciso retratalo máis unha vez. Tampouco o obsceno exercicio do poderío militar israelita nun proceso de ocupación. Só queremos facer unha achega para comprendermos os mitos que se agochan atrás das xustificacións do ocupante e expoñermos as razóns que lle outorgan ao pobo palestino o lexítimo dereito a defenderse por todos e cada un dos medios da ocupación, así como a iniciar calquera proceso de conflito que consideraren para defenderen a vida e recuperaren de todo o seu territorio.
Non podemos determinar ata que punto o denominado “complexo de culpa” polos crimes nazis contra os xudeus facilitou as operacións de creación do Estado de Israel e masacre do pobo palestino pero si sabemos que, na realidade, hoxe por hoxe, os defensores desta idea son “persoas que teñen máis en común cos nazis e cos seus obxectivos – vítimas do odio racial, militantes de esquerda, etc.” como indica o profesor libanés Gilbert Achcar.
E ante o descrédito internacional, toda a caterva pretende procurar para disciplinar o homicidio e a aniquilación masiva, novas lexitimidades. A última das operacións de lavado de cara é a querer establecer unha equivalencia entre o antisionismo e o antisemitismo. Co obxecto de presentar aos criminais como vítimas polo seu pasado, á forza de agochar o seu presente; e pretendendo impoñer o medo á verdade.
“Aquí quedan expresadas as razón polas que a CUT é unha organización antisionista. Porque ningún Estado ou pobo teñen dereito a practicar o crime e a ocupación abrigados no fanatismo e o mito.”
Mais aquí quedan, brevemente expresadas, as razón polas que a CUT, sen ambaxes, é unha organización profundamente antisionista. Porque ningún Estado ou pobo teñen dereito a practicar o crime e a ocupación abrigados no fanatismo e o mito. Porque o sionismo é o relato da ocupación. E porque o único fogar nacional para a paz e a seguridade entre o Xordán e o Mediterráneo ten historia, vida e pobo. E chámase Palestina. Isto é, fronte á asimilación e a derrota: un só Estado, o das que sofren o crime.
Secretariado Político da CUT












