O Director Xeral de Función Pública comparece en sede parlamentaria para omitir de novo a situación de abuso das traballadoras temporais

886

Enlace ao vídeo aquí.

No día de onte compareceu en sede parlamentaria o Director Xeral de Función Pública José María Barreiro Díaz en resposta ás preguntas do Grupo Parlamentario do BNG sobre o abuso da temporalidade na administración pública galega.

O noso máximo responsable na provisión e xestión do persoal dependente da Xunta de Galicia non só desviou cara os seus intereses as preguntas sobre a situación do abuso, senón que ademais mentiu de forma reiterada nas súas consideracións sobre a temporalidade nas diferentes administracións, con especial referencia no seu discurso ao ensino público.

O Sr. Barreiro non recoñece, como xa quedou patente nas respostas aos centos de reclamacións previas administrativas presentados por persoal funcionario ou nos xulgados do Social, que exista un problema que estea sen solución: o abuso na contratación temporal. Fala da existencia dun problema de temporalidade nas prazas ao que se lle deu saída por medio de ofertas de estabilización e consolidación libres. Procesos nos que os datos reflicten que as prazas foron ocupadas na maior parte por persoas de nova concorrencia que non se atopaban nesa situación de abuso polo que o problema segue sen solventar ben coas persoas en situación de fraude de lei ou ben xa en situación de despedimento e en procesos xudiciais por cese indebido.

Negar a evidencia deste problema que atinxe ás persoas (non ás prazas que el considera estabilizadas ou xa ofertadas na súa case totalidade) baseándose na cobertura das prazas por calquera concorrente, non fai máis que poñer sobre claro o desprezo absoluto cara o persoal en fraude que serviu á administración pública galega na última década.

A desfachatez e irresponsabilidade deste xestor que deixa na deriva xudicial a milleiros de traballadores en situación irregular, debe ter consecuencias e asunción de responsabilidades políticas polo que dende a área de Emprego Público da CUT esiximos a dimisión inmediata desta persoa que leva provocando a destrución de centos de postos de traballo dende 2017.

Basea parte da súa razón no acordo cos dous sindicatos tradicionais de pactismo no estado: CCOO e UXT, que as traballadoras afectadas non recoñecen como actor de negociación válido como parte interesada e subvencionada polas administracións públicas.

Dende a CUT solicitamos a inicios do pasado mes de marzo, por rexistro reunións tanto co Sr. Barreiro como cos responsables das Consellerías de Política Social, Facenda e Educación sen resposta algunha. A mesma resposta que obtivemos do Grupo Parlamentario Popular ante o rexistro da ILP pola consolidación do emprego público que temos en marcha.

Para rematar o Sr. Barreiro, atrévese nas súas declaracións a sentirse sorprendido e manifestar que no eido do ensino a temporalidade non acada nin o 8% habendo procesos selectivos cada ano. Dende a área de ensino da CUT non podemos máis que rexeitar e condenar ditas palabras pola súa gravidade e falsedade: no ensino público galego a temporalidade acada cotas do 50% en centros de ensino de Formación Profesional ou do 25% en Primaria e Secundaria e con centos de demandas nos xulgados do contencioso de traballadoras en fraude de lei. O Sr. Barreiro omite intencionadamente duas cousas: primeira, que non existe unha relación de postos de traballo que cuantifiquen ditas porcentaxes polo que as súas cifras son inventadas e lonxe das adxudicacións de vacantes estruturais anuais públicas. Segundo, que os procesos selectivos publicitados inclúen prazas internas de promoción e non acadaron tan sequera a taxa de reposición e moito menos as prazas estruturais ocultas, moitas delas sacada á luz no CXT de 2018.

En conclusión, o Sr. Barreiro di solucionar o problema que nega con OPES, mentres os tribunais europeos lembran que non é solución, xa que os procesos non borran o abuso, aínda que se obtivese a consabida praza cousa que non ocorre na maioría dos casos, nin anula o seu dereito a reclamalas e en propiedade por ter incorrido en tal situación de fraude.

Sr. Barreiro:

Vai duplicar as prazas xudicializadas o Sr. Barreiro?

Ten pensado pagar milleiros de euros de indemnizacións?

Ten o Sr. Barreiro e a súa orquestra de conselleiros disposición para enfrontarse a procesos de asunción de responsabilidade por deixar na rúa en situación irregular ás traballadoras baixo o seu mando e destruír os seus postos de traballo?

Non imos deixar ás traballadoras á súa sorte e todas estas preguntas e moitas outras son as que formularemos as afectadas en sede parlamentaria a través da nosa ILP de consolidación de emprego público, será entón cando terá que explicarnos a mestras, enfermeiras ou coidadoras públicas todas as súas omisións e falsedades.