O día que lle dixemos adeus a Carmiña

1273
Fotografía cedida: Xosé María García Crego

A pasada madrugada despedímonos de Carmen Graña Penedo, infatigábel obreira da liberdade, a solidariedade e a emancipación nacional. Costureira, militante clandestina, exiliada polo terror franquista e activista de cada conflito veciñal.

Carmen Graña, Mucha, Carmeliña para as veciñas, Carmiña para as camaradas ou Carmela para as compañas militantes da mocidade, de oficio costureira, mantívose permanente coas escravas da terra dende que a primeiros dos anos 60 conectaba en Madrid co círculo galego co que, ao amparo do Club de Amigos de la Unesco empurraba polo recoñecemento do noso país. Daqueles anos temperáns xurdía nela un compromiso dos permanentes, que ocupan unha vida enteira, coa emancipación social e nacional. Enfiou naquela altura o seu traballo militante na emerxente Unión do Pobo Galego (UPG), organización que segue a representar o fito fundacional do nacionalismo marxista galego. Coa marcha de Carmiña marcha unha Fundadora, palabra de orde maiúscula, das que nos aprenderon compromiso, coidado, entrega e esforzo con todo o que está por vir.

Coa marcha de Carmiña marcha unha Fundadora, palabra de orde maiúscula, das que nos aprenderon compromiso, coidado, entrega e esforzo con todo o que está por vir.

O retrato de Carmiña é o dunha militante de acción, de rúa, de traballo infatigábel no social, sen procurar medallas ou recoñecementos e, arriscándose por tanto, coa fraxilidade da nosa memoria, a un desmerecido esquecemento contra o que sempre habemos loitar. En cada acto de servizo ás traballadoras e a Galiza dos últimos 60 anos estivo a nosa compañeira, for alentando as campañas sociais contra o encoro de Castrelo de Miño en 1964 ou for construíndo o primeiro día da patria galega (1968). Por suposto tamén, en todo o que chegou despois.

Autoría descoñecida. Cede: X.M. García Crego

De regreso a Cangas, Carmiña rexe, nunha casa da aldea da Pedreira, o aparato central de propaganda da UPG, no que se produce o groso da información política do partido, e no que batalla porque as ideas e as proclamas tomen forma máis tanxíbel dos feitos. Este atellier de resistencia queda ao descuberto para o réxime a primeiros dos 70 e a campaña de exterminio e represión acaba por exiliala en París, cidade á que chega auxiliada polo Movemento Ibérico de Liberación (MIL) do anarquista Puig Antich.

Quen a puido coñecer daquela destaca a súa capacidade solidaria e toda a súa xenerosidade na escasez, sempre capaz de acoller e acompañar a quen o precisar. Esta é a fala e a memoria que a sobrevive e que fica con nós. Reclamada logo da Revolución dos Cravos a Portugal por Margarita Ledo para traballar politicamente dende alí, só consegue regresar á terra en 1976.

Quen a puido coñecer daquela destaca a súa capacidade solidaria e toda a súa xenerosidade na escasez, sempre capaz de acoller e acompañar a quen o precisar

Percorreu, novamente traballando como costureira para os talleres de Vigo, as loitas que se deron baixo moitas siglas políticas e sindicais. Participou na creación da denominada UPG liña proletaria (UPG-lp) no 1977, do Partido Galego do Proletariado (PGP) no 1978, e da Frente Popular Galega (FPG) no 1988. Sindicalmente seguiu o camiñar diverso polo que chegou onda nós, as compañeiras e compañeiros que non podemos máis que querela, sentir todo o que nos ha faltar e celebrar o noso camiñar común na Central Unitaria de Traballadoras.

Carmiña acompañada do comunista Lois Soto. Foto: Luís García Crego

Todas a podemos lembrar á fronte de todas as loitas veciñais, sociais e sindicais do Morrazo. Ninguén poderá expropiarnos o seu ímpeto, a súa enerxía, a súa coraxe, e o seu carácter. En cada ocasión na que había algo xusto que defender. Nos 80, no conflito das lanchas, enfrentádose á mercantil Cruceros ría de Vigo na súa idea de subirlle o billete ás obreiras e obreiros da comarca que diariamente estaban a proveer Vigo de man de obra. Tomou tamén temón da loita das mulleres nos conflitos da pesca de baixura e do banco canario-sahariano, formando parte daquela notábel milicia de mulleres que rexeron as mobilizacións veciñais do Morrazo por décadas, e que converteu ás obreiras canguesas (a maior parte delas do mar) nun elemento central da memoria colectiva da clase obreira galega, pendente de reivindicar.

Na perseverante loita veciñal contra o Bochechón (Lois Pena), non podía faltar a nosa compañeira. El tivo a bondade de converterse no alcalde do PSOE de Cangas que subiu un 500% a contribución e coa coraxe daquela veciñanza organizada debeu gobernar dende a distancia durante máis de dez meses, fuxido, amedoñado, sen se atrever a pisar o edificio do Concello. Nun acto de vontade democrática e popular as xenerosas da historia viron esfarelarse o goberno do Bochechón, avocado a dimitir, nun acto de resistencia veciñal sen precedentes na política municipal dos 90.

Estivo ao temón das loita das mulleres nos conflitos da pesca de baixura e do banco canario-sahariano, formando parte daquela notábel milicia de mulleres que rexeron as mobilizacións veciñais do Morrazo por décadas,

Carmiña estivo tamén con Massó. Destacando entre os homes e mulleres que frearon o proxecto de espolio do mar por parte de Abanca animado por outra rexente entregada ao poder económico, desta volta do BNG. Foi a voz e a presenza de Carmiña a que lle fixeron frente, pleno a pleno, respetada e tamén temida, á alianza político-bancaria sedenta de especulación. Por iso ela forma parte hoxe desa paisaxe, dese patrimonio e dese mar que contribuíu indubidabelmente a salvar.

Unha das últimas participacións públicas da nosa compañeira foi na Comisión Moncho Reboiras, que andaba a argallar a homenaxe no 30 aniversario do seu asasinato ao seu bo amigo e camarada. Logo despois, unha severa demencia apartouna da vida política, social e sindicial, durante unha década.

Onte, un primeiro de maio, Carmiña foise aló. Pero queda ben perto, para incorporarse ao noso recordo e á nómina de obreiras que nos chaman a non soltar xamais o fío da memoria e da historia.

Non é anecdótica a súa participación no grupo As Incansables de Cangas, afamado pola súa sátira do Bochechón, a quen lle cantaban: “Se tivera un pouco de vergonza / as mulleres non deben mirar / como o collan no axuntamento / son capaces de tiralo ao mar”. Coa súa morte perdemos tamén o seu humor, o seu riso e a súa alegría permanente. A que nos fará vencer. Por ela e, claro, por nós.