A Covid-19, unha escusa para precarizar ás máis precarizadas, señor Feixóo?

183

A xestión das residencias de maiores, na Galiza, é un horror. Isto non é unha novidade. Mais nesta sociedade do benestar na que vivimos non nos interesa saber desas cousas, total, a quen lle importan os vellos, as vellas. O capital decide como temos que vivir e nós deixámonos. O neoliberalismo promove o individualismo e refuga a vida comunitaria interxeracional, porque bate frontalmente co interese económico. Todo isto ante o noso silencio.

A falta de persoal non é de agora. Iníciase logo de 2008. Foi cando a administración galega aproveitou para eliminar masivamente postos de traballo que nunca máis repuxo. A febleza dos servizos sociais parchease, nestas circunstancias extremas, a base de decretazo

Todo está pensando para obter grandes beneficios económicos. As persoas dependentes, confinadas en residencias, e a clase traballadora, a producir e consumir e agora tamén ao servizo do autocontrol e o control, tanto dende as redes como dende os balcóns. Nestas últimas semanas todo cambiou, irrompeu a Covid-19 nas nosas vidas e o sistema fallou, colapsou, rebentou. Isto padéceno sobre todo e coma sempre as persoas máis vulnerábeis.

O activista Guillermo Toledo dixo que “as residencias son as fosas comúns da era neoliberal”. Nas residencias, as maiores están a morrer contaxiadas, e morren soas no confinamento. Disto sabemos polas imaxes da televisión que vemos todos os días, paralizadas ante tanta desgraza. Será logo o momento de reaccionar, de esixir responsabilidades por esta pésima xestión e por uns recortes que degradaron o sistema público apostando polo privado?

A CUT instou á Administración a que activase todos os mecanismos de seguridade, saúde e hixiene laboral e a súa resposta foi pedirnos que deixaramos de ser alarmistas xa que a situación estaba controlada. Pero a realidade adoita ser máis teimuda e malia as advertencias, a absoluta desidia da nosa Administración (non se cumpriron os protocolos, non se informou nin se formou ao persoal, non existen EPIs, non se atendeu aos seus requerimentos…) empeza a traducirse nunha multiplicación sen precedentes dos contaxios e, por tanto, nun incremento do número de doentes e de mortas.

Entendemos a excepcionalidade desta crise e comprendemos o difícil que resulta unha xestión nestas circunstancias, mais estamos fartas de que o custe das decisións adoptadas reacaia, de xeito sistemático, na clase traballadora.

Isto non é nada novo. En 2008 as traballadoras pagamos os pratos rotos da crise económica. Nin os bancos, nin a patronal. Na administración galega as cousas tampouco foron diferentes: a Xunta de Galiza aproveitou a conxuntura para fulminar os dereitos do V Convenio do Persoal Laboral suspendendo o artigo 19. A supresión deste artigo azoutou coma en ningures ao persoal de Política Social, en primeiro lugar polo feito de que as súas quendas (sempre dispostas para a Administración) son irrealizábeis sen compensación, e logo despois porque un cadro de persoal absolutamente feminizado debe ter unha sistema de conciliación moito máis flexíbel, porque sobre as súas costas recae tamén a carga dos coidados familiares. O recorte do sistema de conciliación e descansos do artigo 19 do V Convenio supón nesta Consellería máis que en ningures un atentado contra os dereitos das traballadoras e traballadores.

Doce anos despois, esta nova crise, agora sanitaria, vén para ficar e anuncia máis recortes. Moito se leva lexislado estes días no ámbito laboral, tamén en materia de servizos sociais, onde se adoptan medidas que restrinxen os nosos dereitos laborais. A Orde SND/295/2020, de 26 de marzo confírmao.

Esta previsión está a darlle azos a administracións públicas e empresa privadas para adoptar medidas prohibidas de militarización do seu cadro de persoal. De maneira distópica, unhas propoñen confinar ao seu persoal (xunto coas residentes de risco) e outras que realicen longas xornadas de 38 até 42 horas ininterrompidas

Esta norma establece medidas extraordinarias en relación ao persoal ao impor ás traballadoras dos servizos sociais a prestación de servizos extraordinarios, xa sexa en razón da súa duración ou da súa natureza. Esta previsión está a darlle azos a administracións públicas e empresa privadas para adoptar medidas prohibidas de militarización do seu cadro de persoal. De maneira distópica, unhas propoñen confinar ao seu persoal (xunto coas residentes de risco) e outras que realicen longas xornadas de 38 até 42 horas ininterrompidas.

O estado de Alarma decretado non pode ser escusa para que se precarice máis un sector precarizado de seu. As profesionais de Política Social asumen con responsabilidade os momentos difíciles, sen embargo, as sobrecargas de traballo en abusivas xornadas (12h) provocan un estrés que se acentúa coa encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, da categoría ou especialidade.

A falta de persoal non é de agora. Iníciase logo de 2008. Foi cando a administración galega aproveitou para eliminar masivamente postos de traballo que nunca máis repuxo. A febleza dos servizos sociais parchease, nestas circunstancias extremas, a base de decretazo, obrigando ao persoal outra vez a botar sobre as súas costas sobrecargas de xornadas por mor dunha organización improvisada. Na orde SND/295/2020, de 26 de marzo dan carta branca para denegar todo tipo de permisos, mesmo o deber inexcusábel por coidado de menores. Hai nais monoparentais que por esta causa son chamadas a acudir ao seu posto de traballo e non teñen quen fique coas súas crianzas confinadas na casa e sen escola ou outro sistema alternativo de atención..

Paremos e reflexionemos sobre un novo modelo de convivencia onde os coidados sexan prioritarios e, sobre todo, apostemos por unha rede de coidados públicos. Mobilicémonos e esixámoslles ás autoridades que nos gobernan que promovan o gasto público en servizos sociais.