O pasado mércores 28 de abril convocouse unha asemblea de persoal na Praza do Concello de Vigo, dándose aviso tanto á Delegación do Goberno como ao Concello. Esta asemblea tiña por fin denunciar o desmantelamento dos servizos públicos do Concello e a súa nefasta organización. Servizos como, por exemplo, o de bombeiros, no que non se cumpren os mínimos establecidos, no que se anulan vacacións por falta de persoal, no que se fan inxentes horas extra para cubrir os déficits estruturais de persoal. Servizos que cada ano van mermando por falta de efectivos e que rematan externalizándose coa escusa da súa inoperancia, pero que os cidadáns seguen a pagar coma se estivesen funcionando, e invertindo grandes cantidades de cartos públicos para pagar a empresas, sempre as mesmas, para que fagan o traballo dos empregados municipais.
A asemblea foi denegada por parte da nova concelleira de persoal Patricia Rodríguez Calviño, alegando defectos formais na convocatoria e facéndoo fóra do prazo máximo de 24 horas que marca o convenio. A nova concelleira, que releva a Elena Espinosa no cargo, comeza o seu labor vulnerando un principio fundamental dos traballadores como é o de reunión. Este feito será levado á vía xudicial, xa que o consideramos un ataque frontal á liberdade sindical e ás seccións sindicais do concello.
O goberno do Concello de Vigo continúa coa súa política de ataque e desprezo polos seus traballadores e polo labor que fan. E isto non só afecta ao persoal municipal, senón aos cidadáns que sofren uns servizos públicos deteriorados e ineficaces.