A maioría do Comité de Empresa de NEFAB Pontevedra, madeireira situada no concello de Ponte Caldelas, quere alertar publicamente da extrema gravidade que supoñen os despedimentos executados na quenda de noite. Cada posto de traballo perdido implica menos consumo no comercio local, menos actividade na hostalería e un futuro máis incerto para as familias de Ponte Caldelas e da bisbarra.
A empresa intenta xustificar estes despedimentos apelando a unha suposta situación económica adversa. Porén, desde o Comité advertimos de que esta explicación pretende agochar unha realidade evidente: os problemas derivan da mala organización interna e dunha xestión incapaz de planificar correctamente a produción. Esta falla de dirección non só explica o que está a acontecer agora, senón que pon en risco a continuidade da planta e do resto dos postos de traballo, xerando unha situación preocupante para todo o cadro de persoal.
Importa lembrar que Ponte Caldelas leva anos ofrecendo infraestruturas, apoio social, investimento público e facilidades para que empresas como NEFAB poidan asentarse e medrar. A resposta non pode ser precariedade, opacidade e destrución de emprego. Unha empresa que non planifica, que non ordena a produción e que non coida ao seu persoal está hipotecando o futuro industrial do concello.
Cada despedimento non é un número nun balance: é unha familia que queda nunha situación crítica e unha comunidade que perde forza económica e social. Defender o emprego é defender a vida, a cohesión social e o futuro de Ponte Caldelas e da súa bisbarra.

Dende o Comité de Empresa esiximos á dirección de NEFAB que rectifique, readmita o persoal despedido e abra un proceso real de diálogo, no que se aborden medidas de organización, planificación e investimento que garantan a continuidade da actividade e dos postos de traballo.
Non imos permitir que unha mala xestión poña en perigo un proxecto industrial que leva décadas contribuíndo ao desenvolvemento da comarca.












