A representación do persoal considera que a dirección vulnerou os dereitos ao honor e á intimidade da menor co único obxectivo de subir as audiencias
O Comité de Empresa da TVG condena que a canle pública sacase á luz, a través dunha exclusiva que se emitiu o pasado mércores 4 de xuño no programa Galicia 112, unhas fotos da nena asasinada en Teo que se filtraron do sumario xudicial. A representación dos traballadores e traballadoras considera que estas fotografías están protexidas polo dereito ao honor e á intimidade da menor e que a súa emisión, ademais de contravir todos os códigos deontolóxicos, podería vulnerar gravemente tamén a Lei do Menor.O Comité de Empresa lamenta que fora precisamente a canle pública galega a primeira responsable da emisión, vía exclusiva, dunhas fotografías que rapidamente foron reproducidas noutros medios do resto do estado, o que sitúa á TVG na orixe dunha grave irresponsabilidade intolerable nun medio de comunicación público.O Comité condena tamén o tratamento informativo que posteriormente lle deron a esa exclusiva os informativos Bos Días, Galicia Noticias, Telexornal Mediodía e Telexornal Serán que, ao optaren por reproducir de novo as imaxes en cuestión, antepuxeron o criterio das audiencias ao da responsabilidade e o cumprimento da lexislación, o mesmo que lamentablemente fixeron a web e o facebook da Compañía.A representación dos traballadores e traballadoras da TVG lembra que Galicia 112 é un programa de produción externa elaborado pola produtora Pórtico, e denuncia a incompetencia e a falta de profesionalidade e criterio dos responsables da programación e do control de contidos da canle pública por non ter paralizado a tempo a emisión desas imaxes.
San Marcos, 9 de xuño de 2014