O caos de final de curso ten culpables

75

A CUT-Ensino quere denunciar a improvisación, a mala xestión e abandono do ensino por parte da Xunta de Galiza. Tal e como viñamos avisando dende a realidade das aulas, o novo calendario de final de curso implantado polo presidente á fuga Feijóo, non puido ser aplicado e xestionado na meirande parte dos centros galegos.  O caos xerado dende o 6 de xuño é  unha situación totalmente innecesaria que evidencia  que entre as prioridades dos “grandes xestores” non está o ensino.

Baixo a aparencia da posibilidade da aplicación de medidas individualizadas para a diversidade e reforzo durante o mes de xuño, de novo a Consellaría elaborou un “grande plan” para venderlle fume ás familias.  Os docentes sabíamos ben que manter na mesma aula alumnado con materias suspensas e aprobadas ata o 22 de xuño, cun traballo a dúas ou máis velocidades no mesmo grupo non ía ter cabida sen recursos humanos e materiais complementarios.

Este plan é unha auténtica estafa tanto para as familias, con esperanzas en plans de recuperación reais, un grave trastorno para o normal desenvolvemento da actividade dos centros educativos e, como non,  unha nova merma nas condicións das traballadoras do ensino que deberon afrontar papeleo inútil en plans imposibles de aplicar.

Na maioría dos centros o plan de recuperación consistiu en facer exames parciais de recuperación do curso, xogando coas notas aprobadas e as recuperadas para acadar o ansiado 5 coa esperanza de que o alumnado non tivera que enfrontarse a un exame global final en tan só 2 semanas. Pero pouco podíase facer en 15 días para reforzar os contidos, salvo en contados casos.

E que hai dos aprobados? Aquí atopamos todo tipo de casuísticas: alumnos motivados por subir nota entregando traballos (e cargando de novas corrección aos docentes), alumnado menos motivado e aburrido sen interese en ampliar a súa cualificación, alumnado que non acudiu ás aulas unha vez aprobado, alumnado que foi desdobrado con profesorado de garda para atender axeitadamente ás probas e actividades dos suspensos, etc. O que de seguro non houbo foi unha oferta formativa, de actividades transversais e persoal de apoio para traballar con este grupo de rapazada nestas dúas semanas de garda e custodia dos menores.

Capítulo aparte merece a Formación Profesional Básica, que a Xunta de Galicia se empeña en situar dentro da normativa de Ciclos da FP e afastada da ESO (en contra do que se aplica no resto do estado). No caso do final de curso os aprobados, menores de idade, non tiveron tan sequera a opción de subir a súa nota, polo que a súa presenza nos centros foi mínima, cando podían terse celebrado as Skills neste períodos e non interromper a semana de final de curso ordinario para a foto de turno.

En resumidas contas, por que cualificamos este plan de estafa e caos?

  1. A atención individualizada é imposible dado o elevado número de alumnado por aula.

  1. A convivencia entre alumnado con materias aprobadas e suspensas é moi complicado, xa que as preocupacións, intereses e ritmos varían de forma drásticas entre uns e outros.

  1. Non se propuxeron actividades alternativas para os aprobados na FP Básica onde non é posible subir nota.

  1. Non se proporcionaron recursos humanos, materias e temporais para poder desdobrar as aulas e atender correctamente este período ou deseñar as actividades requiridas.

Entendemos que unha maior individualización da atención podería ser unha mellora para o ensino público, mais o plan debería ser outro e levada a cabo ao longo de todo o ano:

– Diminución dos rateos de alumnado por aula a un máximo de 15.

–  Contratación de máis profesorado de reforzo no tramo de final de curso que permita o desdobre entre as dúas velocidades de traballo.

– A mellora dos recursos materiais para a atención das necesidades específicas educativas do noso alumnado.

– O deseño de actividades alternativas ou transversais para o alumnado aprobado da FP Básica con persoal de reforzo.

– A recuperación do horario do profesorado anterior ao decreto do ano 2012, sendo das poucas comunidades onde aínda non se reverteu esta situación.

A Consellaría ten diñeiro e gasta máis ca nunca, pero sen embargo o servizo público de ensino segue sufrindo recortes de todo tipo,  agora incrementado co caos absoluto e falta de recursos de final de curso. Esta é xestión que se fai dos bens públicos, un auténtico roubo ao pobo traballador galego e ao seu dereito á un ensino de calidade. Mentres, A Xunta subvenciona a universidade privada e aumenta as partidas orzamentarias para os concertos dos colexios privados. E suma e segue coa sanidade, a dependencia, a inexistencia dunha política industrial, enerxética o abandono do rural e un longo etcétera que incide nas nosas vidas e que obriga a buscar novas saídas dende espazos alternativos que fagan fronte ao inmobilismo e paz social dos axentes hoxe implicados.