O acordo político da UE, plan Marshall ou rescate?

298

A noticia nos medios oficiais.

Despois de varias semanas de xogo tramposo a distintas bandas, no dia de onte os mandatarios da UE chegaron a un Acordo de Recuperación económica para enfrontar a actual crise económica vinculada ó Covid19. No devandito acordo, de facerlle caso aos titulares dos voceiros da dereita, todos saen gañando; tanto os estados agora chamados frugales -Paises Baixos, Dinamarca, Suecia, Austria e Finlandia- coma os portadores da proposta do Sur, seica Francia, España, Italia e Portugal fundamentalmente.

O Acordo, básicamente, consistiría na dotación de 750.000 millóns de euros, repartidos en 390,000 euros en subvencións e 360.000 millóns en préstamos a repartir entre os 27 estados membros da UE. No tocante ao Estado Español corresponderínalle 140.000 millóns de euros, dos cales 72.700 serían transferencias e o montante restante en préstamos. Até aquí as cifras, que poden dicir moito como non dicir nada. Como sindicato galego e de clase convennos reflexionar no verdadeiro significado do presente acordo máis das aparentes inoncencia e frialdade das cifras.

O contexto.

En primeiro lugar analicemos o contexto político económico no que se da este acordo, do contrario non habería rigor analítico no que dende os estamentos do capital adxectivan coma o “gran éxito da Europa”.

Aínda que mil veces nos digan que este acordo é para enfrontar as consecuencias da crise derivada da pandemia do coronavirus, tal aseveración non é máis que a caroza oportunista para non falar da recesión económica capitalista e da profunda crise política da UE que ven arrastrándose dende o Non ao que chamaron Constitución Europea no 2004 e non era outra cousa que a lexitimación do neoliberalismo.

No binomio inventado polos voceiros do poder tentan explicar as diferentes posicións ao respecto do acordo, dos estados norte europeos e os do sur. Sería errático explicalo coa adxectivación de ricos e pobres. As elites europeas defenden as súas posicións en función dos seus intereses obxectivos e nunca en base a altruismos delirantes. Onde quedaron os eurobonos ou coronabonos? É que os estado francés agora pertence ó catálogo de países pobres? Irlanda xestor dos intereses das multinacionais Amazon ou Apple, está na liga dos países ricos? É obvio que as dinámicas intercapitalistas non se explican con divisións cartesianas inxenuas, e máis obvio é que todo o debate habido, e as supostas posicións contraditorias, obedecen a unha estratexia común da UE que non ten outra finalidade que facernos crer que hai diferentes opcións de Unión Europea, cando a historia, e  o futuro tamén cando chegue, demostran que a UE é  monolítica nos seus intereses, e estes nada teñen que ver co social. O vivido estes días non foi máis que un novo teatro onde están os malos e os bos pero non esquezamos que son actores facendo un papel. O final está escrito: precarización laboral e recortes sociais.

Por iso, sería moi preocupante que a nosa lectura ou análise do contido deste acordo, como sindicato de clase e como galegos e galegas, coincidira coa valoración que farán as empresas do Ibex 35. A nosa obriga como clase traballadora e como País é analizar e valorar en función dos nosos intereses. Nunca caendo na abstracción e na tentación de lexitimar algo abominable para o conxunto da clase traballadora.

O contido e obxectivo do Acordo.

Durante demasiado tempo, desde que comezou a crise sanitaria, os voceiros das elites viñeron falando de conceptos como plan de salvación ou de Plan Marshall, auténticos fetiches carentes de contido, é dicir, de todo menos de rescate. Foron construíndo unha narrativa que agora se converteu nunha linguaxe sensacionalista destinada a sorprender e impactar a opinión pública.

Pero o verdadeiro contido non é o que expresan os titulares dos xornais e dos noticieiros da tv. A realidade é moito máis cruel e resúmense en dous aspectos; o primeiro é que as subvencións e os préstamos hai que pagalos, non é casual que a UE recorra a financiación a través dos fondos privados e non do BCE. En segundo lugar os países accederán aos orzamentos na medida que cumpran coas reformas que se estipulen. Por moto que nos digan que nesta ocasión non haberá Troika nin Memorandum, o propio acordo se reserva a capacidade de calquera estado para denunciar o incumprimento de outro. Toda unha capacidade de veto sutilmente (ou non tanto) disimulada.

Os cartos públicos sempre saen dalgún sitio. Só o capitalismo financeiro e especulativo ten capacidade de xerar diñeiro virtual. Non é casual que unha parte importante dos fondos orzamentados sexan detraídos de partidas da UE vinculadas á sostenibilidade; Transición enerxética, saúde, o programa I+D ou a PAC. Si, casualmente a filosofía financeira do Acordo ven a ser antítese do que tería que ser unha nova perspectiva política e económica que superara a fractura social entre os pobres cada día mais pobres, e os ricos cada día máis ricos.

En definitiva, non haberá políticas de emprego público. Tampouco de recuperación ambiental. De Renda Básica nin falar, de reparto do traballo e da riqueza tampouco. O libreto cruel da UE impón o rescate aínda que lle chamen doutra maneira. Só a unidade obreira e popular dos galegos e galegas poderán poñerlle freo o que se nos ven enriba. Só a loita ben organizada na rúa, nos centros de traballo e nos barrios poderá facerlle fronte a estas políticas bendicidas polo goberno “de esquerda” de PSOE-Podemos.