O “acordazo” é unha estafa: concentración 15 de xullo en San Caetano

350

A USDG (Unión Sindical de Docentes de Galicia) é un sindicato que vela polos dereitos do profesorado do sector público. Entre as nosas reivindicacións asumimos as demandas do colectivo de persoal temporal (interino ou substituto) en canto á necesidade dun verdadeiro proceso de estabilización das traballadoras e traballadores.

A Consellería de Educación anunciou no ano 2019 a realización dun proceso de estabilización do persoal temporal mediante a convocatoria de ofertas públicas de emprego. Este proceso de estabilización enmárcase no acordado polo goberno central e sindicatos no xa coñecido como “acordazo”. Dito proceso de estabilización derívase das esixencias da UE sobre a necesidade de que o Estado español rebaixe a cantidade de persoal temporal ao servizo da administración por embaixo dun 8%, salientando a situación de abuso e irregularidade que provocaba o mantemento en precario de gran cantidade do colectivo traballador temporal público.

O devandito “acordazo” foi, e segue sendo, denunciado por multitude de colectivos de persoal traballador da administración así como numerosas organizacións sindicais de todo o Estado español. Foi cualificado como un verdadeiro ERE encuberto na administración por non teren en conta as necesidades e características do persoal temporal e polo tanto imposibilitar a estabilización. Os diversos anuncios de ofertas públicas de emprego teñen o obxectivo de cambiar unhas traballadoras por outras, non estabilizar emprego. Isto únese a que, malia o anuncio de fin de recortes nos servizos públicos, non se convocan prazas que permitan aumentar o número de traballadoras, están a cubrir xubilacións e nada máis. Polo tanto encontrarémonos cuns servizos públicos recortados en persoal e cunha gran diminución na súa operatividade pola perda de persoal con experiencia nas súas respectivas áreas. Denunciamos que o “acordazo” é unha estafa á sociedade.

Nestas últimas semanas estamos asistindo a un capítulo máis da estafa do “acordazo” en Galicia xa que a OPE do 2019 de educación, pese a presentarse como un proceso de estabilización, non asume ningunha das demandas do colectivo do persoal temporal que permita lograr a necesaria estabilización do emprego público. Polo tanto a USDG considera que isto é un atropelo manifesto aos dereitos do profesorado temporal de Galicia.

O resultado é unha auténtica desfeita, apenas un 5-10% do persoal aspirante aproba a primeira proba, o que evidencia a existencia de cupos para pasar á segunda proba, tal  e como esta central sindical ten denunciado (https://usdgal.wordpress.com/2019/07/07/sobre-os-cupos-na-1-proba-aos-tribunais/).

A isto únese a escuridade e falta de transparencia do proceso: miles de aspirantes suspensos e suspensas que non poden saber onde fallaron nas probas porque non existen mecanismos para sabelo; descoñécense os verdadeiros criterios de avaliación das probas.

Por todo isto convocamos unha concentración este próximo luns día 15 de xullo ás 12.00 en San Caetano. Vémonos alí.