O 8M queremos un feminismo sindicalista e de clase!

607

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) pide este 8 de marzo reflexionar sobre o significado da data, sobre un 8 de marzo que represente ás traballadoras e sobre todo un 8 de marzo da clase obreira. Ás compañeiras da Secretaría das Mulleres preocúpanos que a alianza patriarcado e capital estea gañando unha loita que é nosa. Vemos como as mensaxes combativas se dilúen, que máis aló de acadar dereitos ano a ano as traballadoras perdemos capacidade económica, emancipatoria e, como axentes políticos, vemos como o 8M se afasta das obreiras para abrazar unha marca; marca que o feminismo burgués emprega para facer lavado de cara e de conciencias. Vestímonos de morado un día para agochar as desigualdades que nos oprimen o resto do ano.

Dende a CUT levamos catro anos consecutivos convocando folga, poñendo unha das ferramentas máis valiosas das obreiras a servizo do feminismo, loitando para que todas as traballadoras teñan dereitos, para que ningunha teña medo. Mais chegou o momento de pensarmos se unha estratexia que no seu día foi a mellor opción contra o machismo segue estando ao servizo da clase traballadora. Pensemos nas identidades disidentes, nas traballadoras sexuais, nas presas, nas migrantes, nas traballadoras do fogar, nas desempregadas… todas estas compañeiras atoparon o seu lugar no 8M? Ou simplemente observaban dende as marxes como un movemento que se di feminista se esquecía delas, as desprotexía e mesmo consentía que fosen excluídas por outras mulleres? Este 8 de marzo desde esta Secretaría non imos parar de combater. Temos actos e mobilizacións programadas, mais non imos convocar folga. Non estamos dispostas a que o capital se apodere das nosas armas de loita para convertelas nunha festa institucional e burguesa que desmobilice ás obreiras.

As compañeiras sindicalistas loitamos día a día por un feminismo combativo e de clase, traballamos por unha loita obreira inclusiva, antirracista e decolonial, anticapitalista, antiimperialista e transincluínte. Sabemos que o noso sitio é a rúa, defenderemos os nosos espazos, pelexaremos polos nosos dereitos, polo recoñecemento dos dereitos das traballadoras do fogar, pola necesaria regularización extraordinaria das persoas migrantes, pola despenalización e escoita ás traballadoras sexuais, pola autodeterminación de xénero, pola emancipación das traballadoras, por camiñar libres e sen medo. O 8M queremos un feminismo sindicalista e de clase!