O 24 de xuño saímos ás rúas contra a precariedade laboral!

452

A precariedade é non poder ter estabilidade económica nin seguridade laboral, depender sempre do interese da empresa. Hoxe comes e mañá non. Como podes organizar unha vida se non sabes cantos días traballarás este mes? Se non sabes cando vai rematar o teu contrato de obra ou servizo? Se non sabes nunca que salario vas cobrar co teu contrato a tempo parcial? Quen pode conciliar a vida familiar e laboral nestas situacións?

O abuso das ETT, da temporalidade, das subcontratacións, dos contratos a tempo parcial, da distribución irregular da xornada, etc. Toda a “flexibilidade” de balde conceden as empresas condiciona completamente a vida das persoas traballadoras, impedindo o desenvolvemento persoal.

Non só se é precaria polo tipo de contrato, tamén polas condicións nas que se traballa, pola perda salarial, as cargas de traballo, a flexibilidade de balde…etc. Canto máis precaricen as condicións do resto, máis grande será a diana sobre as túas costas, serás o próximo obxectivo a eliminar. Sóbrannos motivos para saír ás rúas, para dicir xa abonda!

As cotizacións dos contratos precarios empobrecen as arcas públicas e, como consecuencia, afectan á sanidade, á educación ou ás nosas pensións. Empobrecen a sociedade e, mentres nós pagamos unha vez máis as consecuencias da crise sendo máis pobres, as grandes empresas benefícianse dos fondos europeos facéndose máis ricas e ninguén lles exixe emprego estábel e de calidade.

Xa vai sendo hora de perder o medo e converter en algo útil a nosa frustración. A solución está nas rúas e non comentando as nosas miserias na pausa do bocadillo ou do café. A vacina da precariedade non pode seguir sendo a solución a todas as crises.

Por todo isto, convocamos unha concentración en Vigo diante do MARCO o próximo xoves 24 de xuño ás 19:30 horas. Contra a precariedade laboral, mobilízate!