Novo protocolo: CUT Ensino segue a apoiar a folga polas eivas que presenta

28

Ben é sabido que os servizos públicos como a sanidade ou a educación non son importantes para o señor Feijóo e os seus secuaces do goberno galego: a reunión proposta para o luns 31 pola Consellería de Educación cos inspectores dos centros, responsables da mediación entre o centro e a administración, adiouse por falta de espazo na axenda do noso flamante reelixido presidente.

Isto demostra que non había ningunha decisión tomada, nin nada previsto en cuestións de organización dos centros, evidenciando a primeira tentativa de protocolo unha copia do madrileño (con pésima tradución incluída).

A inexistencia de previsión quedou patente co falso anuncio de 1000 novos contratos docentes, outro engano máis ao incluíren os 240 profesores de apoio, o necesario incremento de docentes polo aumento anual de alumnado e a non cobertura de prazas polo adiamento das OPE. Mentira tras mentira ata rectificar, algún dos puntos, grazas á presión social.

Coa rectificación do protocolo (e xa van dous) de novo sen reunión previa con ANPAS ou sindicatos, de novo de forma unilateral e sorpresiva, non se cubren as carencias demandas ao seguir xogando, a non se sabe que posición de poder, en detrimento da función de servidor público da Xunta de Galicia.

A principal eiva segue a ser a distancia: a Xunta insiste en xogar ao “trile”, agora son 1,5 metros, non entre persoas, entre cadeiras. De momento, as evidencias científicas apuntan a que os contaxios perigosos son por mor das persoas e non do mobiliario. A maiores, en educación infantil e primaria consideran non necesaria esa distancia, sen razón médica ou científica ningunha. Todo sexa por aforrar persoal en ambos niveis educativos.

A falta de previsión e busca de espazos axeitados obriga ás direccións dos centros a realizar compricados crebacabezas coas aulas, mutilar ou mesmo facer desaparecer espazos específicos (bibliotecas, ximnasio, salón de actos, laboratorios, etc.). Sen estas aulas específicas, moitas ensinanzas non poderán desenvolverse de forma correcta, renunciando o alumnado a unha educación coa debida calidade e adecuación de medios. Non é cuestión de inconformismo ou falta de sacrificio, non debemos conformarnos por estar en pandemia; esta rebaixa da calidade educativa que sufrirá a nosa rapazada é filla só da improvisación, logo de 6 meses cos centros pechados e sen buscar solucións.

Este novo protocolo expreso, non consensuado coa comunidade educativa, elaborado adaptándose aos mangoneos políticos do PP asemade semella que tampouco ten previsión algunha para atallar o continuo incremento de contaxios da poboación e as posibles corentenas ou prohibicións de mobilidade entre as aldeas, parroquias, vilas e cidades que comparten centro educativo e transporte, tralo peche de máis de 200 centros no rural nos últimos 15 anos. Deberemos agardar logo por un terceiro, un cuarto,…?

Por todo o exposto, e vendo que os nosos estudantes e docentes seguen estando expostos e sobre todo co gallo do proceder unilateral, serodio e impresentable da Consellería, a CUT-Ensino decide manter o apoio ás xornadas de folga previstas para o inicio do curso escolar, como medio de protesta ante os continuos atropelos á base formativa do noso país: o ensino público.