Novidades tras xuntanzas da mesa estatal de ensino

598

Onte luns 20 de decembro e hoxe martes 21, tiveron lugar en Madrid sendas reunións do Ministerio de Educación cos Conselleiros de Educación das diferentes CCAA e cos sindicatos respectivamente.

No primeiro caso, trala reunión coas CCAA introdúcense as seguintes novidades no sistema de acceso proposto (BORRADOR 2):

  • CONCURSO-OPOSICIÓN TRANSITORIO:
  1. A segunda parte da proba de oposición será a exposición dunha unidade didáctica de libre elección do opositor e que terá que expoñer ante o tribunal.
  2. A valoración da experiencia será incrementada cando sexa en centros públicos e diminuirá cando sexa noutros centros.
  3. A puntuación por ter aprobado un proceso selectivo pasa a valer 0,75

  • CONCURSO: elimínase a fase de prácticas para o persoal seleccionado mediante o concurso de méritos.

Na reunión cos sindicatos con presenza na mesa estatal, transmitíronlles achegas para mellorar este RD que o Ministerio quedou en revisar emprazándoos a unha nova reunión proximamente para pechar o novo modelo de acceso. Entre outras estas son as peticións formuladas por algúns dos sindicatos presentes, dado que o sistema a aplicar está xa pechado e só admite pequenas variacións:

– Valoración dos procesos aprobados anteriormente en calquera ano (non dende 2012).

– Valoración máxima dos anos de experiencia.

– Valoración exclusiva no concurso da experiencia en centros públicos.

– Petición expresa de unificación de criterio na convocatoria 2022 entre comunidades.

Ante o resultado desta reunión, volvemos posicionarnos a favor de incluír no concurso de méritos excepcional todas as prazas necesarias para a consolidación do persoal con experiencia docente anterior a 2018 (non 2016) e manter un concurso-oposición ordinario que non peche o acceso aos novos aspirantes para as prazas de reposición correspondentes a 2021 e 2022.

Coñecemos á perfección que esta reforma obedece á adaptación en ensino do Proxecto de Lei aprobado hoxe no Senado no que se establece este dobre sistema de estabilización para as administracións e entidades públicas: concurso-oposición de estabilización e concurso, máis isto non evita que poida establecerse un sistema ordinario para novos opositores.