Novas xornadas de folga na CRTVG o 24 e 25 de marzo contra os abusos

120

As traballadoras da CRTVG en San Marcos celebraron hoxe no exterior das instalacións a asamblea que a dirección lles prohibiu realizar no interior, nunha agresión á libertade sindical sen precedentes nos medios públicos galegos.

O persoal secundou amplamente a convocatoria en sinal de protesta malia as condicións meteorolóxicas adversas, ao tempo que referendou a proposta do Comité Intercentros de realizar novos paros de xornada completa o venres 24 e sábado 25 de marzo.

Este é un chanzo máis na axenda mobilizadora contundente que reclamou o persoal da CRTVG na asemblea do 22 de febreiro, logo de que a dirección dos medios públicos galegos obligase a trasladarse, sen explicación plausible e logo de décadas de profesión, da tele á radio ou web e viceversa a varias compañeiras. Feito que ademas se produciu logo de que un dos traballadores afectados se negase a modificar unha información sobre os datos do IPC, o que o persoal e o comité interpreta como unha clara represalia e unha advertencia para o resto das traballadoras que ousen discordar da liña manipuladora da CRTVG.

Hoxe outras dúas compañeiras eran apartadas do programa Vivir Aquí da TVG e trasladadas á radio e á G2 dun día para o outro. Este novo “traslado” prodúcese apenas 24 horas despois de que unha das afectadas publicara nas súas redes unha crítica ao ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Esta represalia é un paso máis nos abusos que a representación dos traballadores da CRTVG leva tempo denunciando e aos que as traballadoras queren poñer fin con esta folga.

Ante a total ausencia de diálogo por parte dos xestores da CRTVG, a asemblea decidiu ir a un novo calendario mobilizador no que tamén se incluirá a recuperación dos dereitos do convenio colectivo da CRTVG suspendidos pola Lei de Medidas Temporais no Emprego Público (2012).

A CUT apoia a folga e chama a todas as traballadoras dos medios públicos, así como á cidadanía, a apoiar estas reivindicacións e mobilizacións para acadar unha CRTVG pública, plural e ao servizo de todas as galegas e galegos.