A empresa ven de sufrir un severo revés xudicial ao considerar que o sistema de traballo a distancia, no que as traballadoras e traballadores asumen parte dos custos, ten que ser necesariamente negociado.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en sentenza 02660/2023, ven de condenar novamente a Stellantis Vigo, por vulneración de dereitos fundamentais e da liberdade sindical á representación das persoas traballadoras, e neste caso á CUT como único sindicato demandante. A sentenza declara nulo o acordo individual de teletraballo e acredita 3 vulneracións á liberdade sindical polas que a empresa ten que indemnizar á CUT con 30.000€.
Unha vez máis ponse de manifesto a clara política antisindical que ten esta empresa de cara á CUT, a única central sindical que lle fai fronte. O ninguneo continuado ao que pretende someternos, ocultándonos continuamente a información indispensable para poder actuar na defensa das persoas traballadoras e limitando a nosa acción sindical, ao que agora e unha vez máis con esta nova sentenza, ponlle freo o TSXG. Lembrar que xa son varias as sentenzas que sancionan a Citroen (STELLANTIS Vigo) por vulnerar dereitos fundamentais da CUT.
A sentenza ditamina que, o acordo de teletraballo que foi imposto unilateralmente pola empresa, é nulo, e máis á vista das diferentes cláusulas que nel se recollen:
- .- Dificulta dereitos de conciliación ás persoas que se adhiren ao acordo individual de teletraballo.
- .- Establece condicións de equipamento tamén a cargo da persoa traballadora como pode ser a internet, cando é a empresa quen debe facilitala.
- .- A compensación económica realizada pola empresa de 120€ brutos/ano que compensaría de xeito global a situación de teletraballo, non pode ter consideración de salario, xa que sería transformar parte do salario en indemnizacións ou suplidos, reducindo o salario por esta vía.
- .- Condiciona os límites da desconexión dixital, ao poder establecer comunicacións urxentes fora da xornada laboral das persoas traballadoras. (disto no taller sabemos bastante).
Este acordo imposto contou co silencio de (SIT, UGT e CC.OO).
A sentenza do TSXG declara a vulneración de dereitos fundamentais e da liberdade sindical:
-
- .- Ao ser imposto e non negociado; e falla de resposta aos requirimentos da CUT.
- .- Acordo elaborado unilateralmente intentando desvirtuar a intervención sindical nas condicións do traballo a distancia.
- .- Atraso na entrega das copias das persoas en teletraballo.
Salientar que esta política antisindical, sufrímola día a día as persoas que representamos a CUT, pero sobre todo sófrena as nosas afiliadas e afiliados nos seus postos de traballo, que presumiblemente por ser afiliadas/os á CUT, corren o risco de sancións indiscriminadas, limitación das súas carreiras profesionais, dificultades no exercicio de dereitos que a outras persoas si se lle recoñecen, avisos, amoestacións…. e un longo etcétera; situación esta que se suma a unhas condicións de traballo inasumibles cunha carga de traballo a un ritmo imposible e aos problemas de saúde derivados dos postos irrealizables.
Finalmente, a CUT CITROËN debe lamentar a actitude da dirección, que mantén unha posición e talante pouco negociador, e que pretende condicionar a actividade sindical ocultándonos reiteradamente información indispensable, onde o sindicalismo maioritario asiste como monicreque da empresa. Cando dentro duns meses se negocie o convenio colectivo, esta maioría sindical deberá estar a carón da clase traballadora, impedindo un empeoramento das nosas condicións.
A CUT non permitirá máis retrocesos e estará á fronte na defensa dos intereses económicos, sociais e laborais das persoas traballadoras .