Nova condena ao Concello de Vigo

168

O xuíz do contencioso ordena ao Concello de Vigo a execución definitiva da sentenza dos decretos ilegais no servizo de bombeiros baixo apercibimento de impoñer multas coercitivas aos funcionarios e autoridades responsábeis no caso de incumprila.

No día de onte, 9 de abril, o tribunal desestimou o último recurso de apelación presentado polo Concello (“incidente de execución”) para intentar evitar o cumprimento da sentenza do 30 de setembro de 2019 que anulou o decreto imposto polo Concello de Vigo aos traballadores do servizo de bombeiros o 6 de febreiro de 2019, aos que lles suspendeu os descansos para poder acadar tanto os servizos mínimos ordinarios coma os extraordinarios. En data de 8 de xullo de 2020 o TSX de Galiza xa desestimara outro recurso presentado polo Concello, confirmando así a Sentenza do 30 de setembro do 2019.

Recórdalle o tribunal ao concello que proceda coa execución definitiva da sentenza e o seu cumprimento íntegro. O xulgado non é, insiste unha vez máis o xuíz, o que ten que organizar ou propor solucións ao gravísimo problema de falta de persoal motivado pola desastrosa xestión do goberno local na ultima década, xa que esa é responsabilidade e competencias do Concello e non dos tribunais.

Nin por parte da Alcaldía nin pola da Concellería da Área de Seguridade e Recursos Humanos, con Elena Espinosa Mangana coma responsable directa da situación no servizo de bombeiros da cidade neste momento e sendo plenamente consciente da mesma, preferiu negarse á negociación a pesar das diferentes desestimacións dos recursos da asesoría xurídica do Concello de Vigo.

Dous anos de sentenzas desfavorables e recursos desestimados que delatan unha xestión de recursos humanos pésima, desperdiciando o erario público en procesos xudiciais sen ánimo de solucionar o conflito no servizo de bombeiros.