Levamos meses a ouvirmos que a crise está superada, que xa se ve a luz ao final do túnel e que, de aquí en diante, as cousas van ir a mellor. Este ruído que nos chega dende os partidos do réxime, e aumentado polos seus medios de desinformación, vese unha e outra vez contestado polos cruentos datos que nos amosa día tras día a realidade. As políticas de austericidio, materializadas a través das reformas laborais, deron lugar a despedimentos masivos e baixadas de salarios que levaron a case 72.000 galegas á emigración. Ás que quedamos no país padecemos taxas de desemprego do 21% que, nas máis mozas, chega mesmo ao 52%. Ademais, vemos como a diferenza de salarios con respecto aos homes aumenta: polo mesmo traballo cobramos un 24% menos o que significa que temos que traballar case 80 días máis para percibir o mesmo salario. A máis disto, a eliminación de prestacións e subsidios e o desmantelamento dos xa precarios servizos sociais públicos, viñeron a empeorar a situación xa deficitaria das persoas responsábeis dos coidados (maioritariamente mulleres). Estas situacións fixeron aumentar as bolsas de pobreza ao tempo que empuxaban, sen outra alternativa, ás mulleres a seren a maioría nas mesmas. Mais esta brutal ofensiva que as mulleres da clase traballadora estamos a sufrir por parte dun sistema patriarcal en descomposición están a ser combatidos nas rúas coa unidade do movemento feminista. A nosa forza foi a que fixo parar a reforma do aborto que pretendía tutelar as nosas decisións e que agora quere impór ás mulleres mozas unha maternidade non desexada. Dende a Central Unitaria de Traballadoras – CUT chamamos neste 8 de marzo a saír ás rúas xuntas. Berrando alto e claro que todas as mulleres temos dereito a decidir. A decidir sobre nós mesmas sen ningún tipo de discriminación. Para isto debemos ser libres como pobo e como mulleres traballadoras. Esiximos a fin das políticas de exterminio que atentan contra a saúde das mulleres, que tentan adoutrinarnos, que nos deixan soas fronte os nosos agresores tanto na casa como no centro de traballo, que pretenden someternos economicamente e que pretenden negarnos como parte dunha nación que loita pola súa liberdade, Galiza. Só logrando rematar de vez con estas políticas poderemos comezar a ser donas das nosas decisións. Con estas consignas marcharemos, alegres e combativas, neste 8 de marzo polas rúas de Compostela e tamén o faremos o vindeiro 21 no centro mesmo do propio Estado imperialista español berrando alto e claro na nosa lingua: Aborto libre, seguro e gratuíto para todas!! Mulleres libres nunha Galiza liberada!! Igualdade, pan, traballo e teito!!
Nós tamén marchamos: Igualdade, Pan, Traballo e Teito
98
Acción Sindical
Agardando ao Tribunal Supremo ante o inmobilismo da Mesa Sectorial: fin...
Estamos xa a menos de dous meses para a finalización do prazo legal dos procesos de estabilización nas administracións públicas de todo o estado....