Nós estamos con Iria Pinheiro (comunicado da Secretaría das Mulleres)

463

Comunicado da Secretaría das Mulleres da CUT

Nós estamos con Iria Pinheiro

Foto de El Salto

Como mulleres, traballadoras, feministas e sindicalistas o noso apoio a Iria Pinheiro é absoluto e erguémonos con ela a denunciar a xustiza patriarcal que nos quere pequenas, caladas, con medo, baratas e moldeables. Grazas á valentía e á forza de moitas mulleres, moitas Irias Pinheiros, cada día somos menos do que quere este sistema e máis do que queremos nós.

O xulgado do Social nunca nos agasallou nada ás traballadoras, especialmente nos últimos anos nos que a deriva pro-empresario enlama todas as sentenzas. Xa non falamos das probas que consigamos, xa non falamos das testemuñas que poidamos ter, senón da (mala) sorte de que che tocara este ou outro xulgado. Sabemos que hai buratos de agulla polos que só pasan fíos dunha cor. Pero se ben o inimigo é inmenso, cada golpe nótase e faino tambalear.

A sentenza non recoñece o acoso sexual por parte do xefe do programa que emitíu a TVG ‘Con amor e compañía’, José Luis Viñas, de Ficción Producciones, cara a actriz Iria Pinheiro. E isto tócanos a todas. O comunicado que recentemente lanzou a produtora, Ficción Producciones S.L., é un insulto, mesmo ameaza, a todas as mulleres e a toda a clase traballadora. Non sorprende pero si nos provoca arcadas. As palabras da propia Iria Pinheiro en ‘Crónica da inmundicia’, son indispensables para entender o delirio co que baten moitas compañeiras.

Pinheiro deu un golpe, abriu camiño, loitou por todas. Agora damos un paso as demais. Ningunha compañeira está soa, somos moitas a bater no mesmo inimigo e non pararemos ata acabar con el.

Nós estamos con Iria Pinheiro! Vai por todas!