O sindicalismo de clase e por extensión o movemento obreiro internacional sempre nos situamos fronte á guerra. Así foi sempre na historia e debérao seguir sendo agora, cando as accións bélicas desgrazadamente teñen comezado en Ucraína. Pero esta posición non se sustenta na neutralidade nin tampouco no pacifismo inxenuo, máis ben todo o contrario. A posición pacifista é argumentada en base aos principios da razón humana e fundamentalmente da defensa do diálogo como ferramenta para a resolución de conflitos.
A CUT di NON Á GUERRA en Ucraína, claro que si, pero tamén di o mesmo a respecto das guerras actuais en Siria, Palestina, no Sáhara Occidental ou no Iemen, igual que o fixemos cando tocou respecto das guerras imperialistas na Iugoslavia, Irak ou en Libia. Guerras todas elas, ao igual que en Ucraína, auspiciadas, alentadas e participadas pola organización xenocida da OTAN na que o Estado español participa.
A discurso dos dirixentes políticos da UE ou do Goberno español non é máis que outra forma de propaganda. O actual conflito que se desenvolve en Ucraína ten un contexto e uns antecedentes deseñados fundamentalmente polo imperialismo ianqui na súa pugna xeoestratéxica para seguir dominando o mundo. Uns antecedentes que hai que situar no ano 2014 onde un golpe de estado, xa daquela propiciado pola CIA, instalou un goberno de matiz fascista no país hoxe golpeado pola Federación Rusa.
A Unión Europea e o seu brazo armado criminal da OTAN só están a cumprir nota por nota a partitura asinada desde a Casa Branca. Os “demócratas”, nomeadamente a social democracia europea, temerariamente, xogan a facer política cos movementos neofascistas ucraínos hoxe disfrazados de patriotas.
Desde a Central Unitaria de Traballadoras apostamos polo cese da guerra en paralelo a que o imperialismo pare inmediatamente a súa intervención criminal a través da OTAN.