Non gañou o convenio, gañou o medo

134

A CUT dimite da presidencia e secretaría do Comité Interempresas da CRTVG e do Comité de Empresa da TVG e promove eleccións sindicais

O sindicato maioritario asume o resultado da votación que ratificou o acordo previo do convenio colectivo asinado por CIG, USO, UXT e CCOO A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras valora moi positivamente e agradece a histórica participación do persoal da CRTVG e a súa sociedade TVG na consulta celebrada o pasado 12 de marzo para ratificar o acordo previo do convenio colectivo asinado polos sindicatos CIG, USO, UXT e CCOO. Nas votacións participou un 81% do cadro de persoal que decidiu por un 53,3% dos votos contra un 42,5% ratificar o texto proposto, evidenciando unha manifesta división entre os profesionais e as profesionais do medio.
Para a CUT, esta elevada participación demostra o compromiso e a implicación dos empregados e empregadas públicos coas relacións laborais e co futuro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Porén, este sindicato está sinceramente convencido de que as condicións pactadas no  novo convenio colectivo representan o maior retroceso dos dereitos do persoal en 30 anos, polo que en conciencia non vai rubricar un texto tan lesivo. Segundo aclara a CUT nun comunicado, o sindicato considera inasumible un acordo previo asinado despois de dous anos e tres meses de negociación colectiva, xa que representa unha enorme perda de dereitos laborais e salariais e non garante a estabilidade no emprego e, polo tanto, tampouco o futuro do servizo público esencial de radio e televisión encomendado á CRTVG.De feito, para o sindicato maioritario na Compañía de Radio-Televisión de Galicia é significativo que o texto do convenio colectivo relegue a unha negociación posterior cuestións tan relevantes como a nova clasificación profesional -que obriga a implantar o artigo 22 do Estatuto dos Traballadores- ou a identificación polo miúdo da estrutura laboral precisa para operar con garantías en todos os centros de traballo, ademais doutras medidas lesivas como a redución da masa salarial aprobada pola Xunta para negociar o convenio en beneficio dunha xestión privatizadora do servizo.A CUT, asi mesmo, advirte que se reserva o dereito de impugnar ou presentar as accións xurídicas que considere pertinentes sobre aqueles aspectos do texto do convenio colectivo que considere inxustos ou non conformes á lei.Malia isto -segundo aseguran representantes da CUT- o sindicato acepta democraticamente o resultado da recente consulta, polo que adopta a decisión de presentar a súa dimisión tanto da presidencia e secretaría do Comité Interempresas como deses mesmos cargos que ocupa no Comité da TVG. A CUT entende que -en coherencia cos resultados- non debe seguir asumindo ningunha representación formal nos órganos de representación colectiva ata a celebración de novas eleccións sindicais.A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras, que irrompeu con forza na representación sindical dos medios públicos de comunicación de Galicia como sindicato maioritario nas eleccións celebradas no ano 2011, notificou hoxe perante a autoridade laboral o pertinente preaviso para a celebración inmediata de novas eleccións sindicais en todos os centros de traballo e empresas da CRTVG que sirvan para despexar o que, a xuízo da CUT, é unha quebra de confianza nos sindicatos asinantes do acordo previo dun lesivo convenio colectivo por unha parte moi importante do cadro de persoal.Nesta ligazón podes acceder a un vídeo da Rolda de prensa convocada pola CUT para facer pública a súa dimisión.