Non estades soas! Defensa e apoio ás xornaleiras de Huelva

179

O feminismo ou é de clase

e antirracista ou non é

A indignación e a rabia atravésannos por completo ante as agresións sexuais e a explotación laboral sufridas polas compañeiras xornaleiras do amorodo de Huelva. Nestas terras andaluzas prodúcese a maior parte dos amorodos españois e quen os traballa son na súa maioría mulleres marroquís contratadas no seu país de orixe.

Estas compañeiras traballan en fincas inaccesibles, illadas dunha rede afectiva do entorno, co movemento limitado e o medo a perder o emprego sumado á situación de extrema vulnerabilidade nas que as deixan as diferentes Administracións polo feito de ser mulleres inmigrantes.

Este estado de práctico secuestro bloquea a posibilidade da acción sindical e un acompañamento real ás traballadoras que nunha lección colectiva de dignidade e valentía conseguiron denunciar as violencias que levan sufrindo durante anos centos de mulleres nos campos de amorodos.

Despois de que estes casos recibisen un impulso mediático e comezase a crecer unha rede de solidariedade, as compañeiras do Sindicato Andaluz de los Trabajadores (SAT) denuncian que moitas das xornaleiras están sendo expulsadas das explotacións e deportadas ao seu país para evitar novas denuncias e convocan unha protesta en Huelva para o 17 de xuño.

Desde a Secretaría das Mulleres da CUT sentimos noxo deste sistema machista e racista que busca cos seus tentáculos ás mulleres que fican máis vulnerables, un facto que só é posible grazas á complicidade absoluta das Administracións co capital e o patriarcado. Mais tamén sentimos orgullo das compañeiras que sobreviven a estas agresións, as que se apoian unhas nas outras, as que ademais sacan forzas para denunciar todas as violencias recibidas e orgullo tamén polas compañeiras que desde o sindicalismo atopan un camiño para facer feminismo e loitar por todas.

O feminismo ou é de clase e antirracista ou non é!

Tezamos tamén nós esa rede de solidariedade e demostremos nas rúas que se tocan a unha, respostamos todas.