En Galicia levamos anos vendo como baixa a natalidade mentres aumenta a esperanza de vida. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, no ano 2025 máis dun cuarto da poboación terá máis de 65 anos. A pirámide demográfica está a virar do revés, e non falamos dun problema futuro: xa o estamos sufrindo. A emigración e o retorno tamén moven o mapa, pero o que realmente pesa é a falta de vontade política.
O país avellenta rápido e a resposta institucional é tan escasa como fría. A Xunta e a consellería correspondente actúan como se nada pasase. Ou non saben, ou non lles importa.
“A realidade é esta: os coidados recaen case sempre nas mulleres. Nas casas propias, nas alleas, nas residencias. Segundo datos do IGE, máis do 80% das persoas que coidan, sexa de xeito formal ou informal, son mulleres. Non é casualidade: é estrutura.”
A realidade é esta: os coidados recaen case sempre nas mulleres. Nas casas propias, nas alleas, nas residencias. Segundo datos do IGE, máis do 80% das persoas que coidan, sexa de xeito formal ou informal, son mulleres. Non é casualidade: é estrutura.
A medida que avellenta a poboación, medra tamén a necesidade de atención. Pero detrás desa necesidade, tan constante como ignorada, hai un traballo feito en silencio, sen recoñecemento, sen dereitos. Un traballo que se feminizou e precarizou ata o límite.
Falamos de mulleres que sosteñen a vida día tras día. Que o fan sen axuda, sen descanso, sen salario digno. Mulleres que aguantan o peso do sistema mentres o sistema lles dá as costas.
“Isto non se arranxa con medidas cosméticas, nin con leis feitas para cumprir expediente. Precísanse políticas valentes e recursos reais.”
Os fogares mudan. Cada vez hai máis persoas vivindo soas, e o coidado informal vai ocupando un espazo que as administracións abandonan. Isto non se arranxa con medidas cosméticas, nin con leis feitas para cumprir expediente. Precísanse políticas valentes e recursos reais.
Moitas coidadoras son familiares que deixan o traballo, reducen xornadas, aparcan estudos e perden autonomía. E o que reciben a cambio é inestabilidade económica, esgotamento e cero protección. Non é elección: é imposición.
Nas residencias, a situación non mellora. Alí tamén son mulleres as que máis traballan e menos cobran. Están nos postos de limpeza, na cociña, na atención directa. Fan máis do que poden e apenas se lles recoñece nada. E cando protestan, ninguén as escoita.
“O sector dos coidados está a afundirse. E non por casualidade: afógao a política de privatización do Partido Popular, que converte as persoas maiores en cifras e negocio”
O sector dos coidados está a afundirse. E non por casualidade: afógao a política de privatización do Partido Popular, que converte as persoas maiores en cifras e negocio. O benestar queda fóra da ecuación.
E non están sós. Cóntase tamén coa colaboración necesaria de grandes sindicatos, que asinan convenios indignos e entregan as traballadoras a mans da patronal. Pactos a traizón que se repiten sen pudor.
O que está en xogo non é só traballo: é xustiza. É dignidade. É igualdade.
Porque o que pasa cos coidados revela as feridas máis fondas que deixa o patriarcado. Porque sen coidar, non se vive. E quen coida tamén ten dereito a vivir con dereitos.
Isto non é un feixe de casos soltos. É o reflexo dun sistema que despreza os coidados e borra da súa memoria ás mulleres que manteñen todo en pé. Un sistema que fala de tradición e familia mentres as abandona.
Cómpre mudar a maneira en que vemos os coidados.
Cómpre un feminismo forte, que poña este tema no centro e derrube a inxustiza institucional.
Cómpre revisar o matriarcado, non como mito, senón como forza política viva.
Cómpre que todas e todos escoiten cando digamos: ABONDA XA!












