No mes de xullo do 2011, a CUT comunicoulle ós sindicatos maioritarios a necesidade de organizar unha resposta conxunta, unitaria e sobre todo asemblearia á situación do Sector Naval. Uns non tiveron tempo a falar coa CUT e outros, quedáronnos de convocar, seguimos esperando. Diciámoslles daquela, que de seguir no mamoneo, o futuro sería de chorar como nenos, o que non defendemos como homes. Diciámoslles tamén, que o problema do naval non era o “tax lease”, iso so era unha coartada da patronal do sector. Pois ben, a pesar de que o tempo transcorrido deunos a razón, seguimos esperando polos sindicatos maioritarios.O vindeiro xoves día 10, está convocado un paro do pouco que queda de naval, obviamente o noso sindicato apoiará a convocatoria. Pero non nos enganemos, a estas alturas, xa non valen pretextos artificiais como o do “tax lease”, sobran discursos que se a Xunta debe de ir a Bruxelas, sobra a demagoxia de quenes ian de ganchete con quen se disfrazaba co buzo de Barreras, e agora queren quitarllo. O naval, claro que ten solución, pero en parámetros que nada teñen que ver co mamoneo.O problema do naval é estructural, e mon conxuntural, xa o dicíamos fai tres anos. Se non temos capacidade de convertelo nunha gran convulsión social, acabará sendo un problema terminal. Se a estas alturas da actual crise capitalista, non temos claro que a situación hai que resolvela enfrontándose ó inimigo, unha de dúas; ou somos parvos, ou sóbranos cinismo. Non podemos desvincular a desfeita do noso sector, das políticas que emanan das grandes decisións económica da UE. Non podemos separar a conxuntura do sector naval, co rol asignado á industria periférica na Europa do capital.So unha estratexia sindical asemblearia, que recupere a participación e a ilusión dos miles de traballadores no desemprego. Unha estratexia sustentada no tempo, e enfiada co conxunto da clase traballadora de Vigo e da nación, poderá traer esperanza e futuro para o que hoxe é un morto. Os enfoques sectoriais sen contextualizalos no escenario dramático do conxunto do mundo laboral e da sociedade, son simplemente entelequias que non van a ningún lado.E falando de contextualizar, quen pode entender unha manifestación do sector naval o sábado día 12, o mesmo día e a mesma hora que a convocada polo Movemento 15-M? Evidentemente, calquera ten o dereito lexítimo a exponer e a manifestar os seus propios criterios, pero non é sospeitosa a convocatoria desta manifestación, cando os convocantes do 15-M, fai máis de tres meses que o fixeron púbrico? Nos, os traballadores do naval da CUT, claro que estaremos na manifestación o día 12, pero na Praza dos Cabalos, non cos sindicatos maioritarios que unha vez máis se equivocan. Porque queremos que o noso problema se resolva, nunha perspectiva económica, política, laboral e social e non ó marxe do conxunto da clase obreira e dos sectores populares. Porque ó marxe dos matices, dos enfoques, incluso das discrepancias, o día 12 hai que estar coas convocatorias do 15-M.