Xa van 64 anos dende a morte de Castelao. E dende a CUT temos a certeza de que nin a memoria oral, nin a literatura acertaron á hora de calibrar o significado político do rianxeiro. Non obstante, case 70 anos despois, a clase traballadora galega necesitamos seguir abeirados ao seu pensamento e á súa practica política no intervalo que vai da Guerra Civil á súa morte.Dende esa perspectiva, imos salientar un relato dos feitos que outros, teimosamente, quixeron oculto. Porque o programa político que Castelao nos está a legar por esa altura, baseado no antifascismo, no unitarismo e no republicanismo, agás contadas excepcións, permanece no limbo da historia. Nun primeiro momento por obra daqueles que, afastados das necesidades materiais dos labregos e dos mariñeiros, acordan a disolución en Galicia do Partido Galeguista, sen continuidade orgánica ou partidaria, e que, no seu canto, suplantan o programa estratéxico que desencartara Murguía pola práctica cultural ao redor de Galaxia.Posteriormente por aqueloutros conservadores e fundamentalistas que, baixo a necesidade de xustificar a redución do nacionalismo galego á dicotomía Galiza vs. España, o reducen e o adaptan ao seu antollo, chimpando por riba de acontecementos habelenciosamente minorizados ou, no peor dos casos, silenciados. Nese sentido é no que queremos visibilizar o Castelao que, no exilio a principios dos anos corenta, antes da clausura no interior, decidiu a disolución do Partido Galeguista coa finalidade de crear a Irmandade Galega e a Mocedade galega, fundamentalmente por dúas razóns.Nun primeiro termo para integrar á disciplina nacionalista aqueles sectores da ORGA e das Irmandades da Fala que quedaran fóra do Partido Galeguista en 1931, os independentistas da S.N. Pondal, a Paz Andrade e a aqueles que como Antón Alonso Ríos representaban o sector máis aliñado co nacionalismo dentro do agrarismo. En segunda instancia, por mor da indefinición, tras a aprobación do Estatuto, do Partido Galeguista arredor do feito nacional en Galicia e sobre o seu dereito á autodeterminación. Polo que deseguido, interesado en fortalecer a política de unidade antifascista, promove no ronsel dos gobernos no exilio de Euskadi e Catalunya a fundación do Consello de Galiza, constituíndose o Consello no fideicomisario do Estatuto do 36.É por iso que hoxe cremos que o programa político despregado por Castelao contra o final dos seus días cómpre lembralo e poñelo en valor. Porque nestes tempos de división internaciónal do traballo e misería sistémica é máis necesario que nunca para a clase traballadora aventar o seu pensamento e a súa práctica política indisolublemente vencellada ao unitarismo, ao republicanismo e ao antifascismo que, tras pasármoslle o corrector dos anos, só podemos entender como anticapitalismo.