Esta mañá a Sección Sindical da CUT na CRTVG xunto cos seus afiliados e afiliadas, e coa participación de menbros da executiva Nacional e Comarcal, asistiron á Marcha convocada polo Comité Interempresas da CRTVG en protesta pola manipulación informativa e as represións.
Ao remate da mesma o Comité Interempresas da CRTVG evalúa a xornada do seguinte xeito:
O Comité Interempresas da CRTVG considera un éxito a marcha en protesta celebrada hoxe ata as proximidades da CompañíaOs sindicatos piden nun manifesto que se remate coa persecución aos traballadores e aos seus representantes.
A marcha, que partíu de San Lázaro ás 11:30 horas, contou coa participación de numerosos colectivos sociais, políticos e culturais, que, malia as adversas condicións climatolóxicas, camiñaron ata as instalacións da CRTVG en San Marcos baixo o lema “nin represión nin manipulación”.
Os sindicatos da CRTVG convocaron esta protesta, á que se sumaron máis de 400 manifestantes, despois de que o pasado día 30 de marzo máis dun cento de afectados polo que se coñece como “estafa das participacións preferentes” ocuparon as instalación da CRTVG en San Marcos argumentando a ocultación do conflito que lles afecta dende este servizo público.
No transcurso da ocupación, a representación sindical asumiu un papel de mediación e diálogo, tratando de manter en todo momento o carácter pacífico da ocupación e evitar o enfrontamento entre o cadro do persoal e os afectados e afectadas. Porén o Director xeral da CRTVG abríu un expediente informativo para depurar responsabilidades entre as traballadoras e traballadores do servizo xa que, segundo indicou, a ocupación das instalacións non tería sido posíble sen a “colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio da CRTVG”.
Para os sindicatos, a única responsabilidade neste e noutros conflitos ven dada polas distintas direccións ao servizo dos gobernos do momento, máis preocupadas en ocultar os conflitos sociais que en dar unha información veraz e plural á que o pobo galego ten dereito.
Ao remate da marcha, o presidente do Comité Interempresas leu un manifesto para denunciar esta política informativa e as prácticas represivas da Dirección Xeral da CRTVG.
COMITÉ INTEREMPRESAS DA CRTVG, TVG, RTG
Santiago, a 21 de abril de 2012