NIN RECORTES NIN DESPIDOS: 11S TODAS A COMPOSTELA

346

Estamos a uns días do inicio do curso escolar 2022/2023 e a uns días de que centos de docentes galegos sexan cesados dos seus postos de traballo tras décadas de servizos continuados sen opción a seren estabilizados. Tamén estamos a poucos días de que o ensino público comece un retroceso grave na calidade formativa recibida nas aulas galegas. 

O día 1 de agosto o profesorado concentrouse masivamente fronte á Consellería para reclamar un ensino de calidade e a devolución dos seus postos de traballo. Os recortes de prazas son froito da imposición de materias alleas aos docentes, unha carga laboral excesiva e unhas convocatorias masivas que ignoraron por completo a lei de estabilización en marcha.

O noso alumnado vai comezar o curso con menos profesorado que estará máis saturado de cargas burocráticas, horas de clase e grupos. Ademais ditos docentes están en moitos casos (Primaria) en prazas que non son da súa especialidade ou terán a obriga de impartir (Secundaria) materias para as que non están formados por imposición da inspección educativa. Isto quere dicir que un profesor de Bioloxía pode ser obrigado a impartir Lingua Galega, ou que un mestre de Primaria teña que cubrir aulas de francés sen ter estudado nunca dita lingua. O incremento da carga laboral e a impartición aleatoria de materias sen criterio coñecido baixo o pretexto de situar os horarios a 20 horas de clase directa (aumentadas durante a crise de 2008 e non revertidas ás 18 anteriores), levan ao recorte masivo de profesorado e á intencionalidade explícita por parte da Consellería de manter un horario abusivo e xa revertido noutras comunidades.

Na asemblea producida o día 1 de agosto, tras a concentración de centos de docentes, decidiuse facer unha mobilización de protesta no inicio do curso convidando ao resto de organizacións sindicais a sumarse á mesma e loitar contra este atropelo ao conxunto da clase traballadora e aos nosos fillos e fillas. A CUT púxose en contacto cos sindicatos o día 4 de agosto trasladando a proposta acordada e abrindo tamén a posibilidade da creación dunha mesa de traballo e/ou data alternativa de ser valorada en conxunto.

O noso chamamento non foi respaldado polo que dende a responsabilidade adquirida na asemblea co profesorado afectado, alumnado e familias e ante a gravidade dos feitos que denunciamos, a coordinadora da CUT Ensino chamamos publicamente a estas organizacións a apoiar a mobilización proposta polas afectadas o día 11S. 

Esta mobilización partirá ás 12.00 h da Praza Roxa de Compostela baixo o lema NIN RECORTES NIN DESPIDOS. NA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO.  Rematará arredor das 14.00h na Praza de Praterías onde leremos un comunicado de protesta que exixa a ampliación dos cadros de persoal, a tamén ampliación inmediata da oferta de estabilización e a volta ás 18 horas lectivas e grupos reducidos de alumnado para tal fin ademais da supresión da posibilidade de impartición de materias alleas aos docentes.

Chamamos a todo o profesorado galego, familias e alumnado a secundar dita protesta e loitar dende a base contra a Consellería de Educación. A rúa ten que ser un boureo atronador que faga tremer os cimentos do débil goberno de Alfonso Rueda e os seus compinches ante a defensa dun dos piares básicos do sistema público.

NON FALTES