Nin explotación nin impunidade: resposta solidaria en Ordes

318

Ducias de persoas asistiron esta mañá aos xulgados de Ordes para esixir protección para as persoas traballadoras que foron vítimas de trata por parte dun empresario de Tordoia. Convocada pola CUT e co apoio do Foro Galego de Inmigración, esta mobilización mostrou a súa solidariedade con estas traballadoras e denunciou unha situación de explotación laboral e indefensión de especial gravidade.

A concentración desenvolveuse co lema “Nin explotación nin impunidade. Subdelegación e Fiscalía responsábeis”, denunciando o papel xogado por estas duas institucións no proceso xudicial. A Subdelegación do Goberno non ten dado ningún paso cara a protección das vítimas mentres que a Fiscalia ten demostrado o seu desinterese nos dereitos destas persoas ao non asistir á declaración das traballadoras e non oporse á posta en liberdade do empresario investigado, que pasou uns vinte dias en prisión preventiva.

Berros como ‘Ningunha persoa é ilegal’ ou ‘Galega e estranxeira a mesma clase obreira’ denunciaron o comportamento clasista e racista das institucións. Algunhas das traballadoras afectadas presentes na concentración agradeceron a resposta solidaria e mostráronse animadas a continuar reivindicando os seus dereitos.

Ao tempo que se desenvolvía a concentración, nos xulgados prestaban declaración os empresarios investigados. Nesta xornada, o xulgado impúxolles a prohibición de achegarse e comunicarse coas traballadoras agredidas. Así, cumpre atención perante o desenvolvemento deste proceso para artellar de novo a solidariedade se é preciso e conseguir que as institucións fagan o seu traballo protexendo estas compañeiras.

Situación de escravitude e malleiras

Os feitos remóntanse ao verán de 2020 cando un empresario da zona de Santa Comba mantivo traballando en situación de escravitude a varias compañeiras en situación irregular, sen contratar, abonar ningún salario e pedindo pagamentos por aloxamentos dos que finalmente eran expulsas, ou directamente non existían.

O obxecto do contrato eran traballos agrícolas, e as compañeiras prestaron servizos fechadas en naves e fincas, con prohibicións de comunicarse, e obrigadas a agocharse das autoridades (GC e Inspección de Traballo), coa expresa prohibición de contarlle a ninguén a súa situación.

O empresario investigado, cobroulles sumas entre os 420 e os 2400€ por regularizar a súa situación, autorizacións de traballo e residencia que nunca chegaron e nunca foron sequera tramitados. Ademais, encargábase persoalmente da captación, traslado e aloxamento de man de obra gratuíta e en condicións inhumanas.

A situación chegou ao punto de que un dos traballadores, mentres tomaba probas da súa situación, foi secuestrado, maniatado, golpeado, ameazado a punta de pistola e abandonado nun monte da contorna, co fin de conseguir eliminar esas probas.