Nin explotación laboral nin impunidade: Subdelegación e Fiscalía responsables!

249

Convocamos unha concentración o próximo mércores 3 de marzo, ás 10h diante dos xulgados de Ordes, en solidariedade coas compañeiras/os vítimas de trata en Tordoia e para denunciar a complicidade da Fiscalía e a Subdelegación.

No verán de 2019, na Tordoia, un empresario local inicia o proxecto económico do século: cobrarlles a máis de dez traballadoras estranxeiras entre 420€ e 1500€ coa falsa promesa de contratos de traballo e de “papeis”. Eses documentos nunca chegaron. Si houbo xornadas de traballo en naves baixo chave, ordes de silencio, traballos en condicións de inseguridade extrema, recorte dos tempos de descanso, vixía dos tempos para ir ao baño, traballos repetitivos, alongamento das xornadas laborais… O que se deu en chamar pura e dura escravitude laboral. E todo isto sen que se lles chegara a pagar xamais nin un euro do seu salario. Hoxe por hoxe, estes traballadores e traballadoras seguen sen cobrar.

Tamén houbo malleiras, detencións ilegais e ameazas. Un dos traballadores cando se fixo con probas da súa situación foi maniatado, encerrado nunha nave, mallado, ameazado de morte a punta de pistola, e abandonado nun monte próximo malferido e sen atención médica.

Isto levou a que nese mesmo verán a Garda Civil iniciase unha investigación e detivese ao empresario e dous colaboradores baixo a imputación de detención ilegal, ameazas, lesións e trata de seres humanos. E que elaborase un informe favorable a conceder ás vítimas medidas eficaces de protección contra a trata, entre as que estaban as autorizacións de residencia e traballo temporais. Tras ser posto a disposición xudicial, o vitimario entraba en prisión provisional.

O abandono das vítimas comeza aquí. A Subdelegación do Goberno, responsábel da coordenación das policías e da administración de estranxeiría, non deu nin un só paso efectivo para protexer as vítimas. Escudándose en informes da Policía Nacional, que non participou na investigación, e omitindo as recomendacións da Garda Civil, decidiu non iniciar o expediente de protección das vítimas. Hoxe, elas e eles son tratados como auténticos obxectos pola Subdelegación do Goberno, incumprindo flagrantemente a legalidade que lles obriga a ser a institución que garanta a súa seguridade, saúde e liberdade.

Pola súa banda, Fiscalía sumouse ao estrelato das institucións que, cun comportamento xenófobo e inhumano, están a permitir que os vitimarios sigan impunes e as vítimas desprotexidas. Vinte días despois do seu ingreso en prisión por un delito con décadas de pena, o investigado foi posto en liberadade sen oposición da Fiscalía, e sen advertirlle a compañeiras ameazadas de morte desta situación. Esta institución, con capacidade e obriga legal de ofrecer protección, aínda non se dirixiu ás vítimas para coñecer a súa situación ou ofrecer a súa asistencia no proceso. De feito, o seu comportamento desleal e racista chega ao extremo de que o Ministerio Fiscal nin sequera compareceu nas declaracións das vítimas en sede xudicial.

Hoxe por hoxe, a única barreira que protexe as nosas compañeiras e compañeiros dos seus agresores somos nós, as súas compañeiras de clase. As traballadoras e traballadores de todos os sectores que sumamos a nosa voz para que este crime non fique impune e para que as institucións cumpran co papel que prometeron desenvolver, abandonando a torre de marfil do racismo e o clasismo na que se instalaron.

Non pararemos ata que Fiscalía e a Subdelegación do Goberno da Coruña fagan a oferta firme de instrumentos reais e inmediatos que protexan ás nosas compañeiras, e ata que vexamos como se expiden as súas autorizacións. Sabemos que está na nosa man. Loitar e perseverar ata vencer. E con unidade e intelixencia habemos vencer. Porque ningunha persoa é ilegal. E ningunha compañeira de clase estará soa mentres sigamos estando aquí.