NEGOCIACIÓN DAS NOVAS LISTAS: NON Á PRECARIZACIÓN PERMANENTE

796

DICIMOS NON A UN PACTO NAS LISTAS PARA UNHA PRECARIZACIÓN PERMANENTE

No día de hoxe o sindicato maioritario anunciou unha xuntanza na que se falou da modificación das listas de cobertura temporal en Educación froito da reforma do EBEP. A CUT Ensino emitiu varios comunicados neste sentido no último ano, xa que a introdución da limitación na contratación a 3 anos en todas as administracións públicas non ía excepcionar o ensino público. O tempo non fai máis que reafirmar o que levamos tempo anunciando mentres outros nos acusaban de alarmistas. 

No seu comunicado aseguran que a Xunta ten intención de dividir as vacantes a cubrir en dous tipos:

  1. 1. Prazas estruturais (LISTA A): unha vez vacante unha praza (morte ou xubilación) convocaranse en oposición no prazo máximo de 3 anos. Un interino pode permanecer eses 3 anos neste tipo de prazas ata a convocatoria da oposición. Unha vez se celebre, o contador de anos porase a 0 e o interino poderá estar outra vez 3 anos. Isto repetiríase de forma continuada en ciclos máximos de 3 anos sobre as prazas.  Dende a CUT dubidamos da legalidade desta medida sen unha interrupción entre contratacións cada 3 anos. Non esquezamos que o EBEP xa marcaba antes da reforma a celebración de oposicións cada 3 anos, situación incumprida reiteradamente pola administración. 
  2. Prazas non estruturais (LISTA B): non lles aplica o EBEP por tanto neste tipo prazas non hai límites de anos na contratación temporal. Son as prazas derivadas de reducións ou a tempo completo de equipos directivos, comisións, sindicais, servizos especiais, excedencias, etc. Para nós, a consideración destas prazas como non estruturais é unha trampa para perpetuar a temporalidade. Son prazas estruturais aínda que de provisión temporal,  Dentro do cadro de persoal estrutural de cada centro sempre vai haber un directivo e polo tanto unha praza derivada de tal situación. Unha clarificación de postos mediante unha RPT é imperante para evitar estes xogos de trileros coas nosas prazas.  

Dende a CUT Ensino parécenos abraiante que se estea a dar esta negociación na Mesa de Función Pública sen paso previo pola Mesa Sectorial de Ensino para tratar os detalles da mesma coa representación do profesorado, por máis que quede logo reflectida na Lei de Función Pública Galega. 

Para máis, Función Pública é a responsable de evitar a estabilización de milleiros de traballadoras da Xunta de Galicia de todas as Consellerías, desperdiciando novamente unha ocasión para exixir a estabilización do 100% das traballadoras temporais. En ningún lugar do comunicado, como en todos os anteriores se alude á solicitude da ampliación das ofertas de estabilización docentes, única solución para o profesorado afectado. 

O sindicato en cuestión pretende que comunguemos con rodas de muíño, que as persoas que pola deixadez sindical e a prevaricación da administración galega, non logren estabilizarse laboralmente por un insuficiente número de prazas, teñan o premio de consolación de seguir sendo precarios da administración galega ata a súa xubilación e de non ser despedidos aqueles con certa idade ou antigüidade como medida de gracia, para nada piden a súa estabilización e integración como traballadoras de pleno dereito. 

Pretenden eludir a estabilización cunha suposta estabilildade nas listaxes, xogando coa confusión dos termos, pero non queremos unha precariedade mantida no tempo para as persoas abusadas, queremos a súa estabilización. 

Aclaremos aos sindicatos despistados: 

  • A estabilización é o proceso polo cal as persoas traballadoras adquiren en propiedade un posto de traballo desempeñado durante anos ou décadas. 
  • A estabilidade nas listaxes é unha necesidade para que o persoal temporal que requira o sistema poida desempeñar de forma segura, digna e non precarizada o seu traballo por un tempo camiño da estabilización laboral. Non queremos listas futuras cheas de incertezas para o profesorado galego que ten dereito a ordenar e planificar o seu día a día. 

Tampouco sabemos que pasará coas especialidades pantasma que non figuran no Ministerio de Educación, pero dado que son prazas estruturais e necesarias, a única solución pasa pola estabilización e a regularización destas especialidades. 

Canto tempo máis seguiremos na roda do engano e do xogo co persoal temporal? Canto máis aguantaremos que os sindicatos que deben defendernos xoguen a manter a paz social e a boca pequena para pedir os nosos dereitos? Que tipo de paz social pretenden manter coa Xunta mentres centos de temporais están pendendo dun fío e outros moitos nas súas casas sen opcións de traballar?

Este non é o sindicalismo que queremos, cambiémolo xa.