Maldita mentira, esa Europa sen fronteiras é unha falacia, unha farsa, o que de verdade se creou é a Europa dos mercadores e das mercadorías. A liberdade de movemento funciona para os capitais, isto foi o que realmente lle interesou ao empresariado capitalista (e, por extensión, aos políticos de turno), facilitoulle en primeira instancia o investimento sen ningún custo na Europa emerxente (nos países que foron da órbita de Rusia) e posibilitou dun xeito inmediato a deslocalización empresarial nesas zonas onde o custo laboral non ten parangón co da “Europa rica”. Supuxo, tamén, nunha segunda “oleada” o movemento de traballadores/as contratados neses países, cos dereitos económicos e sociais dos países de procedencia (polo tanto ridículos), para exercer traballos na Europa próspera. Estes “movementos” do capital respondéronse polos sindicatos de clase pero non remataron con esa sobreexplotación. Proba de elo son os traballadores mortos nas vías galegas e do estado, traballadores obrigados a percorrer ás veces centos de quilómetro para desprazarse, sen ir máis lonxe, desde Portugal aos seus traballos precarios en Galicia ou noutras zonas do Estado Español. Este libre movemento funcionou e funciona mentres interesa. Países como Francia e Italia acaban de darlle unha patada a esa liberdade de movementos na que sen ningún problema se move o capital dos ditos países. Hoxe os/as traballadores/as Romaneses/as están estigmatizados/as na Europa das liberdades. Unha marea de xenofobia esténdese polos países que máis se aproveitan da súa integración (as empresas automobilísticas, téxtiles… fuxiron inmediatamente para eses países) queren aproveitarse da súa situación económica pero non velos preto das súas casas. Cando se deu vida á UE tíñase que prever circunstancias coma esta. Cando se integraron estes países, os países do leste, eses individuos que, coas súas previsións económicas tanto nos asustan, deberían saber que sucederían estes movementos, habilitando, polo tanto, as partidas económicas necesarias para proceder políticas sociais de integración nos países a onde se trasladen. No canto de proceder deste xeito resulta máis cómodo e barato, e non ten resposta social debido á crise económica, volvelos, en masa, para o seu país de orixe, con actitudes xenófobas semellantes ás dos guetos de infausto recordo, de feito non se lembra un traslado en masa de igual dimensión desde esa época. Demóstrase que a Europa das liberdades non existe e que a verborrea dos políticos só quere esconder a máis vil das explotacións. Desde a óptica dos que pensamos que o principio de non discriminación por razón de orixe, raza… é esencial para a democracia, dos que nos manifestamos contra calquera actitude xenófoba, dos que pensamos que os traballadores/as pertencemos á mesma clase e que, polo tanto, corresponde activar políticas solidarias, dos que queremos e loitamos por un mundo sen explotadores e explotados, O ACONTECIDO EN ITALIA E FRANCIA É INTOLERABLE!, nas mans de todos/as está, tamén, que non se estenda a outros países.