A Plataforma Galega por unha Atención Digna á Dependencia (Emerxencia Dependencia) xorde froito da unión de diferentes colexios profesionais, sindicatos e partidos políticos e a raíz de observar, durante estes últimos anos, as carencias no funcionamento actual do sistema de dependencia en Galicia e a incidencia desta situación na cidadanía.
Dende o 3 de xaneiro de 2025, unificáronse as solicitudes de dependencia e discapacidade, eliminando o informe social, o que trata as valoracións profesionais como se se tratase dun simple trámite ou acto administrativo. O que significa un ataque aos dereitos da cidadanía, de ter uns servizos sociais dignos e de calidade. Despois desta reforma, as solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo. Provocando a desigualdade no acceso aos recursos.
Porén, malia os anuncios e a propaganda, as sucesivas mudanzas normativas non supuxeron una redución nin dos tempos nin das listas de espera.
A día de hoxe, unha persoa dependente en Galiza ten que esperar de media 393 días, unha semana máis que en decembro de 2024, máis do dobre do que di a lei que fixa en 180 días ese tempo máximo de tramitación.
Pero non só aumenta o tempo de espera, tamén o número de galegas e galegos esperando por un servizo ou prestación ao que teñen dereito. Actualmente hai case 1.700 persoas agardando por un servizo ou prestación á que teñen dereito recoñecido por lei. Case 200 persoas máis que en decembro de 2024. E hai quen non pode esperar. No que levamos de ano faleceron en Galiza 55 persoas agardando pola dependencia. 55 persoas que se suman ás máis de 7 mil que faleceron na lista de espera desde 2017.
“Dende a Plataforma Emerxencia Dependencia reclamamos un sistema público (100% tanto no financiamento coma na xestión) galego de atención á dependencia para que as persoas estean atendidas con calidade, dignidade e equidade e a mellora nas condicións e ratios de traballo das/dos profesionais”
Dende a Plataforma Emerxencia Dependencia reclamamos un sistema público (100% tanto no financiamento coma na xestión) galego de atención á dependencia para que as persoas estean atendidas con calidade, dignidade e equidade e a mellora nas condicións e ratios de traballo das/dos profesionais, que entendemos que é fundamental para garantir unha atención de calidade.
- Exiximos ao goberno de Alfonso Rueda que revogue os cambios realizados na Lei 13/2008 en materia de acceso ao sistema de dependencia.
- Exiximos ao goberno da Xunta a posta en marcha sen demora dun sistema público galego de atención á dependencia, que aglutine todos os recursos públicos como residencias, centros de día, SAF, etc.. xestionando estes recursos directamente pola Xunta de Galiza, de xeito que traballen coordinadamente, tamén co sistema sanitario, ademais de modificar e adaptar o modelo de atención á realidade actual. Do mesmo xeito, este sistema público galego de atención á dependencia debe contar tamén con novos recursos para atender as novas realidades nas situacións de dependencia.
- Reclamamos a dotación urxente de persoal para as valoracións de dependencia e discapacidade, e que estas valoracións se realicen no domicilio da persoa, tal e como estabelece a lei.
- Demandamos o aumento de orzamentos para a atención á dependencia, a dotación adecuada de prazas en centros públicos, e a creación de cantos recursos públicos sexan necesarios para garantir que as necesidades das galegas e galegos sexan cubertas.
- Solicitamos a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social, coa comparecencia da Conselleira de Política Social e Igualdade, e que se repoña o papel consultivo deste organismo.
- Facemos un chamamento ás organizacións políticas para que asuman estas reivindicacións como propias e poñan en marcha cantas iniciativas consideren para camiñar para a súa xusta consecución.












