A CUT Ensino xorde coa aspiración de ocupar un espazo sindical deserto: o das traballadoras e traballadores do ensino que acreditan na democracia de asemblea, na ética e a honestidade obreira e na necesidade de lle facer fronte á brigada de demolición do público patrocinada polo Sr. Feijóo.
A CUT ensino nace nun desafortunado ermo sindical. Logo de 45 anos de sindicalismo no sector o resultado non pode ser máis desalentador. Toda aquela forza combativa e a coraxe das traballadoras e traballadores do ensino de todas a categorías que lle disputaron a hexemonía ao degradado modelo sindical de CCOO e UGT, acabou sendo reconducida a un modelo sindical fundamentado na delegación, na perda da voz propia e na incapacidade de frear as veces que for preciso o monstro neoliberal e colonial coa intelixencia e a perspicacia das compañeiras e compañeiros que fixeron nacer aquel sindicalismo vivo e emancipador que facía do noso país un lugar un pouco máis grande.
Galiza sacrificaba así, malfadada, a posibilidade que o movemento obreiro introducir no taboleiro: transformalo todo.
O resultado: un activismo desactivado. Con centos e centos de traballadores e traballadores con vontade transformadora e coa responsabilidade ética e política de aprenderlle alternativas a xeracións enteiras foron arrastradas por unha especie de parasindicalismo dos xestos. A folga dun día, a foto protesta, a inexistencia da asemblea, a mobilización que non se prepara, o cadro sindical que non comparece. A negociación que se prosegue só pola vontade de perpetuar as liberacións. Galiza sacrificaba así, malfadada, a posibilidade que o movemento obreiro introducir no taboleiro: transformalo todo. Na administración pública, moito máis que en ningún outro lugar, pasou a se confundir o sindicato coa asesoría xurídica, e a burocratización do corpo obreiro do ensino acabou por desarmarnos. Entre tanto, o pisón neoliberal segue a asfixiar as nosas escolas, empurrando ás xeracións vindeiras cara ao ensino privado.
A CUT ensino nace porque toca activar o freo de emerxencia. E nace con agrado sobre o terreo fértil da fugaz pero intensa experiencia da Unión Sindical Docente de GalIcia (USDG). A achega das compañeiras e compañeiros que lle deron vida a este proxecto fíxonos aprender a escoitar outra volta. Máis unha vez, tamén no ensino, as precarias e os precarios. As temporais. As flexíbeis. As acaladas. A derrota da consciencia de clase e a ética sindical sentíase máis que nunca no feito de que no sector chegou a considerarse normal a habitual cisión capitalista entre as “produtoras e produtores” de segunda, que deben sufrir a súa propia ventura, e aquelas que xa non o son. Un feito, se callar, aínda máis preocupante cando diversas inciativas sindicais nacionais tomaban alento e forza coa enerxía das e dos interinos que procuraban dignidade, xustiza e reparación. A desmemoria outra volta, entón, ou o mero cálculo electoral.
O único sindicalismo que se pode mostrar forte é o que remove, con esforzo, autocrítica e mobilización, as discriminacións entre castes de traballadoras e traballadores. O resto é mera xestión da nosa derrota colectiva, por sempre, e para sempre
A CUT expresouno reitaradamente fronte ás ensoñacións e ás visións romáticas da loita obreira. Cando as compañeiras e compañeiros dunha empresa da automoción ou un estaleiro paran en seco a produción para protexer ás súas compañeiras e compañeiros temporais fanno con vontade, persistencia e visión de futuro. Porque nelas e neles, e no trato que se lles dispensa, está tanto o futuro das condicións de traballo nun sector como, no caso do sector público, o propio futuro dos nosos servizos. Non hai absolutamente ningunha explicación satisfactoria ao abandono á súa sorte de milleiros de interinos e interinas no ensino que non proveña do gremialismo antiobreiro, do acomodamento na tradicional estampa obreirista de salón ou do desinterese directo por facerlle un fronte sindical á brigada de demolición colonial e neoliberal de Feijóo. O único sindicalismo que se pode mostrar forte é o que remove, con esforzo, autocrítica e mobilización, as discriminacións entre castes de traballadoras e traballadores. O resto é mera xestión da nosa derrota colectiva, por sempre, e para sempre.
Esta é a casa das obreiras e dos obreiros do ensino. Das que se sinten a ras coas produtoras da fresa, dos limpadores, das carpinteiras ou dos peóns dunha cadea de montaxe. A casa das que comparten un anceio común de democracia radical, de discutir o futuro do seu sector na asemblea de base, de comparecer e dar exemplo coa súa ética sindical e obreira, de entregarse á loita sindical para producir futuro.
Con esta bagaxe de fondo, a bandeira da igualdade que defedemos, chegou o momento tamén de empurrar máis alá. Apostamos por converternos con moito esforzo pero tamén moita humildade (conscientes da nosa dimensión e das nosa limitacións) na alternativa da dignidade de todo o ensino. Esta é a casa das obreiras e dos obreiros do ensino. Das que se sinten a ras coas produtoras da fresa, dos limpadores, das carpinteiras ou dos peóns dunha cadea de montaxe. A casa das que comparten un anceio común de democracia radical, de discutir o futuro do seu sector na asemblea de base, de comparecer e dar exemplo coa súa ética sindical e obreira, de entregarse á loita sindical para producir futuro. Das que queren para si un sindicato combativo e de clase, feminista, anticapitalista, diverso e inclusivo no seu sector.
Nace a CUT Esino, e estás convidada ou convidado a vermos medrar colectivamente este proxecto. Porque se vai construír con todas as mans. Porque calquera contribución importa. Polo ensino público, galego e universal. Porque o país importa. Porque derrotar a precariedade é asunto de todas. E porque o mundo non muda se as que ocupamos o noso lugar nel non nos decidimos a dar un paso adiante.