Na memoria dun camarada

432

O pasado luns día 9 de xaneiro deixounos o camarada e dirixente da CGTP-IN Fernando Mauricio Carvalho.

Desde a CUT transmitimos o noso pesar fraterno e a nosa solidariedade á CGTP-IN e á súa compañeira Isabel Camarinhas.

O compañeiro Fernando ten desenvolvido con gran tesón e intelixencia distintas tarefas na área de Relacións Internacionais da central sindical portuguesa nos últimos corenta anos. Toda unha vida entregada a defender os dereitos da súa clase e dos pobres do Mundo.

Non é doado falar dalguén querido cando deixa de estar fisicamente entre nós. Fernando Mauricio era desas persoas que ademais das súas calidades dirixentes e como militante, era unha persoa afable cunha capacidade de transmitir humanidade e cariño de maneira natural. El era así.

As fraternais relacións da CUT ca central sindical irmá en gran medida debémola ó camarada que nos deixou. Así foi, Fernando Mauricio desde o primeiro andar tendeulle a man a nosa central sindical sen condicionantes e sen complexos, nun momento que non sempre era fácil o recoñecemento dun sindicato emerxente como o noso.

Temos coincidido con Fernando Mauricio en numerosos eventos internacionais, sobre todo da FSM e o seu abrazo do irmán do Sur sempre estivo aí cheo da alegría do reencontro. Compartiu con nós en representación da CGTP-IN no V Congreso Nacional celebrado en Vigo no ano 2017.

Camarada Fernando, o noso agradecemento, o noso cariño e a nosa lembranza sempre.