Na defensa da clase traballadora: todas a unha!

514

Xa hai máis dun ano do comezo da pandemia e da declaración do estado de alarma. Son moitos meses de denuncias, estafas laborais, recortes de dereitos, privatización de servizos públicos, ERTE, despedimentos, empresas a pór en perigo a saúde das traballadoras… que se están a dar, ademais, nun escenario totalmente alleo ao funcionamento natural do sindicalismo de base: o distanciamento social.

Un ano despois de que o TSXG, o Tribunal Constitucional e a Subdelegación do Goberno prohibisen a nosa manifestación do 1º de maio, seguimos sendo testemuñas do estreitamento do espazo público. Precisamente por iso consideramos máis necesario que nunca encher as rúas de solidariedade obreira, para non volver resignarnos á soidade e demostrar que só así, mobilizadas e xuntas, é como se defenden e conseguen dereitos laborais e sociais.

Por iso, neste 1º de maio, queremos colocar no centro a necesidade da unión, da colectividade e do traballo sindical. Porque para frear a crise que vén a organización vai ser imprescindible, porque temos que comezar a artellar xa as alternativas que nos permitan vivir unha vida digna e porque a única forma de facelo é indo todas a unha!

Convocatoria de mobilizacións:

A CORUÑA: 12.30h desde a Praza de Pontevedra
COMPOSTELA: 12.00h desde a Praza 8 de marzo
VIGO: 11.00h desde a Praza Fernando o Católico