Moncho Reboiras, con nome de sindicato.

629

O proceso de conformación e implantación dun sindicalismo combativo en Galiza non é fortuíta. Nos cimentos da actual estructura sindical galega está o Sindicato Obreiro Galego (S.O.G) artellado no 1975, despois dun amplo proceso de confluencia conducido polo veciño de Dodro Xosé Manuel Reboiras Noia. Aquel SOG irrumpía no corazón do movemento obreiro galego impulsado pola membresía da Fronte Obreira da UPG (que dirixiu politicamente o proceso) e outras entidades como a Organización Obreira, con nidia significación nas mobilizacións viguesas do 72 ou a Galicia Socialista, organización nacionalista con implantación na factoría de Citroën.

O nacemento do SOG quebraba as lóxicas sindicais pautadas ata o daquela, de estricto protagonismo dunhas CCOO fracturadas tanto pola represión franquista como pola súa permanente cerrazón á necesidade dun movemento sindical en chave claramente galega que traballase pola liberación social e nacional do noso país. Así, a primeira campaña do SOG desenvolvíase contra a propia estratexia do sindicalismo maioritario de participar nas últimas eleccións sindicais da ditadura, optando por un traballo de construción fóra das representacións legais dun sindicalismo de corte nacional galego, combativo, democrático e indentificado con intereses da clase obreira galega.

Naquel SOG, e dun contexto de extremas dificultades pero de profunda pulsión antifranquista, fructificaba a idea de que a ferramenta máis acaída para o movemento obreiro era a creación dunha forza sindical propia, non burocratizada, democrática e oposta ao rexime institucional: primeiro da ditadura e despois da “Transición”. No ADN daquel sindicalismo estaba a oposición tanto á represión franquista institucionalizada como pouco despois á política de pacto social que determinou a entrega e desarme da clase traballadora nos famosos Pactos da Moncloa.

Sen Xosé Manuel Reboiras Noia o sindicalismo combativo galego ou ben non tería sido posíbel, ou tería seguido uns vieiros moito máis tortuosos. Máis coñecido entre as amizades e camaradas como Moncho Reboiras, desenvolveu un papel capital neste proceso e o protagonismo deste mozo obreiro en todos os espazos de construción da nosa liberación nacional e a súa loita inconmensurábel pola democracia provocou o seu asasinato a mans das Brigadas Político-Sociais na cidade de Ferrol un 12 de agosto de hai agora corenta anos.

A CUT ten moito que agradecer e aprender deste herdo. Por moito que os contextos diverxan e o suxeito obreiro teña mudado, a entrega, a xenerosidade e a capacidade crítica e innovadora de Moncho Reboiras son un valor que nos fai avanzar. Dende a CUT traballamos dende os nosos esforzos máis modestos para que un proxecto sindical como o que este compañeiro elaboraba sexa posíbel. Porque exemplos como os de Moncho Reboiras nos fan un pouco máis grandes a todas e todos e, sobre todo, un pouco máis libres.