MODIFICACIÓN INTERINAXES ENSINO: ANÁLISE AO DETALLE DO BORRADOR

487

Na pasada semana as organizacións presentes na Mesa Sectorial do ensino galego (CIG, ANPE e CCOO) difundiron o borrador do NOVO ACORDO DE INTERINAXE E SUBSTITUCIÓNS. Semella que o entroido fai que tanto Xunta coma sindicatos disfracen de ampliación a modificación total das regras do xogo, nunha nova precarización para a cobertura de postos temporais nos centros de ensino. 

A continua aldraxe e tomadura de pelo cara o colectivo de temporais non ten fin por parte de todos os actores implicados mentres as traballadoras temporais seguen sen defensa, a pesar das apariencias e maquillaxe das organizacións maioritarias que botan balóns fóra. 

Mesmo xa non disimulan o seu papel de bastón da Xunta, afirmando que nada se pode facer ante os borradores que se presentan.  Para que vale entón o sindicato? Se non hai nada que facer, salvo titoriais, declaracións da renda, cursos e matrículas, non sería mellor ser francos e cambiar a denominación a Asesoría de traballadoras do ensino? Como pode un sindicato da mesa asegurar que nada se pode facer ante as propostas da Xunta? Acaso non teñen o mandato maioritario do profesorado para opoñerse ás políticas destrutoras da patroal do ensino público? Acaso non teñen ferramentas fóra da Mesa Sectorial para facerlle fronte ao goberno de Rueda e Román? Xa se esqueceron de que a loita e a vitoria da clase traballadora está nas rúas e non no interior dos muros de San Caetano? Teñen as horas e os medios para organizalo, para cando unha folga polo fin da precarización convocada por eles? 

O borrador da Xunta que algúns seguen rotulando co seu logo como se fose da súa propiedade e non dunha mesa pública con información que debera ser pública ao 100%, establece cambios de gravidade no sistema de listaxes actual do que vimos alertando hai tempo, e aturando insultos de vendefumes e alarmistas por parte dos que ben sabían que así ía ocorrer e que seguen a ocultar, salvo cando publican en Nós Diario que é necesario un sistema que garanta a continuidade dos maiores de 55 ou persoas con longas carreiras no ensino. Acaso está en perigo o seu posto de traballo?

Analizamos a continuación os cambios e novidades, alén do detraimento do dereito a renuncia por ampliación de estudos: 

  1. O profesorado técnico de FP en listas sen titulación de grao, daquelas especialidades que agora son de PES,  queda sen amparo neste borrador, é dicir, quedarían excluídas das mesmas por non ter a titulación concordante para exercer. No apartado referido a este punto deixouse un punto en branco que agardamos que reverta esta situación: ao  igual que o persoal funcionario de carreira, nas mesmas condicións,  queden integrados nun corpo a extinguir de temporais. En caso contrario, a Xunta incorrería nunha clara discriminación entre persoal temporal e definitivo sancionado dende instancias europeas nas administracións públicas, alén de deixar no paro a persoas cunha larga traxectoria profesional nos centros de Formación Profesional, ante un cambio lexislativo posterior á súa incorporación como traballadoras do ensino. 
  2. A Xunta pretende saltar o seu propio acordo e a orde de prelación cando o titular colle a alta en períodos non lectivos. Se ben entendemos que a continuidade do docente ten efectos positivos polo xeral no alumnado, as datas sinaladas (nadal e semana santa) marcan o inicio dunha nova avaliación polo que non sería o cambio un transtorno maior que no resto do curso. Non é de recibo que se pretenda dar continuidade a un contrato de X persoa a quen non lle corresponde por orde de prelación, por varios motivos: 
  • Persoas permanecerán no paro mentres outras en postos posteriores seguirán traballando. 
  • As persoas renovadas son precarizadas ao non pagárselle os períodos non lectivos, tratándoas coma se fose un contrato continuo cunha clara falsedade e aforro económico para a Xunta. Se queren continuidade que lle abonen e contabilicen os días non lectivos como traballados no seguinte contrato. Máxime nos casos de interrupción do permiso de maternidade, cando se sabe que se vai reanudar tras ese período. Non se pode precarizar ao precario máis aínda roubándolle o descanso sabendo que vai volver ao posto. 
  • Deixar á decisión de direccións a decisión en función das súas filias ou fobias cara un traballador/a abre a porta a nepotismo, amiguismo e todo tipo de opcións non transparentes nin tolerables no ensino público. 

3. Na convocatoria de listaxes abertas, ante a falta de personal (convocadas pola recorrente falta de previsión da Consellería na convocatoria ordinaria), preténdese valorar como criterio único a nota media de expediente para ordenar dita listaxe. Isto, que foi un mecanismo presentado como áxil na pandemia para a selección de persoal, preténdese instaurar como normalidade. Dende a CUT e a defensa da clase obreira e a igualdade de oportunidades, opoñémonos frontalmente a esta medida en canto os expedientes máis altos non o son sempre polo esforzo, senón por cuestións económicas e ademais obvia o resto de formación das aspirantes e a súa experiencia laboral docente. 

4. DELIMITACIÓN DE DOUS TIPOS DE PRAZAS.

Como xa advertimos hai meses cando esta medida foi bosquexada en Función Pública, a Xunta vai establecer dous tipos de prazas e diferentes modos (e seguramente listaxes) para cubrilas: 

  • prazas estruturais: aquelas vacantes puras (sen propietario) e a xornada completa que se reducirán ao 5%. Rueda e Feijoo gábanse de estar hoxe no 8% polo que se van ver reducidas un 3%, o que significa que o 40% dos interinos actuais deixarán de ocupalas para pasar a ocupar as non estruturais. 
  • prazas non estruturais: todas aquelas necesidades xeradas cada ano pero que non son vacantes puras: prazas xeradas por direccións, medias xornadas, con reserva, etc. 

Descoñecemeos o mecanismo para adxudicar a unhas ou outras ao persoal pero entendemos que primeiro serán adxudicadas as estruturais e logo o resto. Esta división faise por unha razón: o novo EBEP establece a limitación a contratación temporal a 3 anos e así o recolle o borrador da Xunta para este novo acordo na súa introdución. Sen embargo, a Consellería di que a pesar da lei, as prazas estruturais non sofren dita limitación e que as que si o son tampouco por ser nomeamentos anuais. 

Dende a CUT entendemos que a Xunta tenta eludir a limitación a 3 anos establecendo esta dobre listaxe de prazas e a sabendas de que é posible que sexa recorrida xudicialmente, xa que do contrario non sería precisa esta nova división. 

A Xunta tenta cubrirse as costas e precarizar aínda máis: establece que todo aquel que ocupe prazas non estruturais no momento de ser cesado non terá dereito a indemnización, de aí o seu grande interese en aumentar este tipo de prazas e reducir ao máximo as consideradas prazas estruturais. Non pegan puntada sen fío. 

           Volvendo ás posicións sindicais dos últimos días, parécenos de suma gravidade a ocultación de información sobre todo o que está detrás deste borrador, a falta de claridade e transparencia habitual continúa nun momento tan trascendente para o persoal temporal que moi pronto verá frustrada a súa esperanza de consolidar ante a ridícula oferta en marcha. 

        Na semana pasada o TSXG solicitou a Xunta e fiscalía informes sobre a maneira na que se fixo e ofertou a estabilización no ensino galego. Agardamos ter pronto as valoracións e pronto unha sentenza que poña negro sobre branco ao abuso da administración galega sobre a súas traballadoras. 

    A CUT segue sen representación e con todo o seu plantel nas aulas, batallando dende o voluntariado e xenerosidade das compañeiras que informan e alentan a non deixarse vencer polo sindicalismo burocrático que nos tapa a lúa co dedo. 

UN SINDICATO COMBATIVO E QUE DEFENDA OS TEUS INTERESES SEMPRE ATOPA A FORMA DE POÑER NO SEU SITIO AO PATRÓN. 

PORQUE QUEREMOS SINDICATOS E NON ASESORES, 

PORQUE O ENSINO DEFÉNDESE LOITANDO, DENTRO E FÓRA DA MESA SECTORIAL

CANDO UNHA MESA DE NEGOCIACIÓN FOI IMPEDIMENTO PARA OS OBXECTIVOS DA LOITA OBREIRA? 

XA BASTA DE SINDICATOS AMARELOS NA EDUCACIÓN GALEGA