Non imos ter unha modificación constitucional que reflicta os dereitos nacionais de Galicia. Non imos ter unha modificación constitucional que elimine dunha vez a monarquía. Imos ter unha modificación constitucional que estableza o que os mercados veñen reclamando desde fai tempo, o límite de gasto na administración pública.
A limitación do gasto, acordada entre PSOE e PP, é un ataque directo ás políticas públicas que redundan no benestar dos cidadáns Os dous grupos maioritarios do parlamento deron o visto bo a unha modificación da Carta Magna, da Constitución, esta vez (é a segunda) destinada a impoñer un teito de gasto na propia Administración coa finalidade de limitar o déficit. Faltoulles tempo despois da reunión, a semana pasada, de Sarkozy e Merkel onde se decidiu esta medida, para levala á práctica. Será, polo tanto, o Goberno, ou os líderes europeos unha vez máis ou os propios mercados os que determinen, en definitiva, o que se destinará a sanidade, educación, dependencia… Non fai moito que se nos prometeu que íamos cara o estado de benestar agora estanse dando os pasos necesarios para desmontar o pouco que se tiña andado, e que parecía consolidado, nese camiño. O que realmente vai propiciar esta medida é a limitación no gasto das Administracións Públicas, garantes dos servizos que recibe a comunidade. En base á limitación que se impoña xustificaranse a diminución cando non a eliminación dos servizos públicos introducindo, polo camiño, o temido repago (volver a pagar por un servizo polo que xa estamos a cotizar). Coa finalidade de corrixir o déficit optan os partidos que avalan esta modificación constitucional, tanto por activa, apoiándoa, como por pasiva, non opoñéndose a ela, pola política de aforro sen nin sequera pensar noutras vías de financiamento optando pola aplicación dunha política fiscal progresiva e progresista. Obrigando á banca a devolver os millóns de euros que se lle entregaron para favorecer o crédito e que empregaron en “amañar” as contas de resultados. Miran, unha vez máis, para outro lado no control da evasión fiscal e da eliminación dos privilexios das SICAV,,,, aplicando as política máis prexudiciais para a cidadanía. Os gobernos e os políticos, con medidas coma esta, admiten sen rubor que seguen as directrices dos foros do capitalismo internacional e non pasa nada. A política pregouse descaradamente aos intereses económicos, todo está deseñado para que a crise a paguemos os traballadores/as e as clases máis desfavorecidas. Neste sentido, o que se debería facer é o contrario, a Constitución ten que establecer que os servizos que recibe a sociedade (e os que nesa andaina cara a ese desexado estado de benestar se vaian implantando) teñen que ser garantidos.
Tamén se, como principio, todas as normas que afecten á cidadanía deberían ser consultadas directamente á cidadanía, con máis razón un precepto que foi aprobado en referendo, cando se modifica, en todo ou en parte, corresponde a realización da consulta pertinente. Os que no seu día nos opuxemos activamente á aprobación da constitución vixente porque, entre outras cousas, non respectaba os dereitos nacionais de Galicia e porque impoñía unha forma de goberno, a monarquía, a todas luces antidemocrática, temos que dicir que esta reforma é, tamén, inaceptable, esta vez porque é un ataque directo ao Estado Social e de Dereito. A decisión tomada polos partidos maioritarios, referentes do bipartidismo gobernante, fai máis necesaria a organización e a mobilización arredor doutra articulación do estado e da modificación que se nos quere impoñer. Si deixamos que esta determinación se leve á práctica, sen a contestación necesaria, a posibilidade duna saída social da crise como vimos reclamando estará cada día máis lonxe.