As traballadoras da limpeza do Complexo Hospitalario Universitario De Santiago de Compostela, servizo externalizado a través da empresa concesionaria Ilunión, comenzaron hoxe de novo unha serie de mobilizacións contra os incumprimentos constantes de convenio.
O persoal concentrouse esta mañá ante as portas do CHUS para denunciar a negativa da empresa a convocar as prazas baleiras, unha redución de persoal que supón a sobrecarga constante das traballadoras activas.

Denuncian tamén as condicións infrahumanas dos vestiarios, que levan 25 anos sen remodelación, malia duplicarse hai anos o número de persoas que fan uso del.
Dende Ilunión convocaron á representación do persoal a unha xuntanza sen que polo momento se chegase a acordo.

As traballadoras advirten que non van cesar nas mobilizacións se non se solucionan estes problemas, arrastrados xa dende hai anos e que só empeoran co paso do tempo.












