O próximo mércores día 6 vanse celebrar máis de vinte mobilizacións en diferentes concellos galegos para reivindicar un ensino público de calidade. A CUT anima a toda a sociedade a participar nestas manifestacións que buscan un cambio contundente e inmediato nas políticas da Consellería de Educación.
Dende hai moitos anos, o ensino galego arrastra diversos problemas que mesmo chegan a poñer en risco os valores fundamentais dun servizo público. É por isto que hai que actuar, mobilizarse e alzar a voz. Non estamos dispostas a consentir que o público se devalúe mentres a pantasma da privatización sigue aproximándose ao ensino como xa sucedeu co sistema sanitario.
Como sabedes, moitas son as nosas denuncias: peches de centros escolares no rural, precariedade do persoal interino e substituto, rateos inasumibles nas aulas, excesiva carga lectiva e perda salarial do profesorado, departamentos de orientación insuficientes, sistema de oposicións inxusto e de dubidosa transparencia, abuso das materias afíns, privatización da FP, etc.
Por isto e por moito máis, asistide ás manifestacións do día 6.
Mapa e listado de mobilizacións en: https://asembleasensino.gal/mobilizacions/












