Mobilizacións en Vertifil contra os despedimentos

634

As traballadoras da empresa Vertifil de Moraña acordaron convocar mobilizacións, que se iniciarán este luns 26 de xuño, contra o recente despedimento de 6 traballadoras. A primeira será unha concentración o luns 26 de Xuño de 13:30 a 14:30 h, cadrando co cambio de quenda.

A medida foi adoptada pola empresa o pasado 12 de xuño sen previa negociación nin comunicación á representación das traballadoras. “Só por gardar as formas ese mesmo día, coa presenza dun despacho de avogados/as deBarcelona, infórmasenos da intención de levar a cabo os despidos de inmediato”, informan dende o comité.

“Sosteñen que os despidos obedecen a causas económicas e produtivas, e que non cabe ningún tipo de negociación ou acordo co comité”

O comité de empresa, integrado pola CUT e a CIG, denuncia que a compañía, pertencente ao grupo Vertisol, volve despedir traballadoras “sen dar opción a outras alternativas, polo que cremos que o obxectivo desta decisión é desfacerse de certas persoas para reducir o cadro de persoal”.

O comité solicitou unha xuntanza coa empresa para coñecer os detalles da decisión “e para intentar revertela”. “Sosteñen que os despidos obedecen a causas económicas e produtivas, e que non cabe ningún tipo de negociación ou acordo co comité, senón que se trata dunha decisión irreversíbel, até o punto de que se negaron a explorar calquera tipo de solución a corto ou medio prazo”.

Así as cousas, o comité de empresa decidiu trasladarlle á asemblea de traballadoras o inicio dun calendario de mobilizacións que comezará o vindeiro luns día 26.