Mobilizacións da Limpeza do Clínico contra Grupo Norte

231

As compañeiras da Limpeza do Hospital Clínico de Santiago de Compostela decidiron establecer un calendario de mobilizacións ante a falta de resposta ás súas demandas por parte de Grupo Norte, actual adxudicataria do servizo. Dende o 24 de xaneiro, estanse a concentrar cada xoves na entrada do hospital.

A empresa está a incumprir o ofertado en materia de persoal. Isto ten consecuencias nefastas para as propias traballadoras, que están sobrecargadas porque a empresa non cubre as ausencias e denégalles sistematicamente os días de asuntos propios. Por outra banda, os usuarios tampouco poden ter un servizo de calidade, xa que as subcontratas privadas como Grupo Norte ás que se lles adxudica a prestación da limpeza recortan persoal para beneficio propio e non do conxunto da cidadanía.

Grupo Norte tamén está a incumprir o acordado polo comité de empresa no Consello Galego de Relacións Laborais en relación coa cobertura de vacantes e as licencias do persoal. Tampouco respecta o acordado polo comité de prevención en canto ás tarefas que se deben desenvolver en cada posto.

A pesar do intento da empresa de paralizar as mobilizacións, ofertándolle ao persoal 15 novas incorporacións, media hora antes da asemblea na que se votaría se habería ou non concentracións, as traballadoras non cederon á chantaxe e decidiron mobilizarse para que se tomen en serio as súas demandas dunha vez por todas.

A proposta da empresa é insuficiente para un axeitado dimensionamento do cadro de persoal. Esiximos que se cumpra o ofertado. Pola saúde das traballadoras e por un servizo de calidade. Seguiremos adiante ata que Grupo Norte queira sentarse a falar en serio.

Este problema non é novo. Xa estivo a acontecer coas anteriores empresas adxudicatarias do servizo. Trasladouse, en múltiples ocasións, á Xerencia do Hospital e nunca interviu. Despois, a falta de persoal, foi constatada en informes do Consello de Contas.

Dende a CUT cremos que non se pode consentir que se externalicen parte dos servizos públicos para o beneficio de empresas privadas en detrimento dos dereitos e da saúde das traballadoras e das usuarias. Solicitamos o rescate da contrata do servizo de Limpeza do Hospital Clínico porque é un coadoiro de diñeiro público, que vai parar a mans dunhas poucas empresas, que están a acaparar unha gran cantidade de adxudicacións.