O pasado 28 de setembro o Grupo Isolux Corsán iniciou a negociación dun expediente de regulación de emprego extintivo (ERE) que afectará a 535 traballadores e traballadoras dun cadro de 1.500 persoas
Este grupo empresarial atende a distintas actividades de servizos, obra pública ou tecnolóxicas, polo que o ERE en Galicia afecta a máis de 90 persoas dun cadro de 125.
Tras varias reunións da mesa de negociación -na que a CUT está representada polo compañeiro Hermindo Caride- fóronse desmontando os argumentos e os informes empregados pola empresa alegando causas económicas, produtivas e organizativas.
A empresa está a realizar obras importantes en Galiza no sector da construción, como as obras do Ave en Ourense, as da Fabrica de Tabacos na Coruña ou as da depuradora de Lagares en Vigo, entre outras. O sector da Enxeñería ten por diante carga de traballo polo que non existen motivos que xustifiquen e avalen un ERE.
A empresa está renunciando á obra, rescinde contratos, non paga a provedores, está , en definitiva, intencionadamente renunciando a unha actividade rendíbel.
A dirección da empresa non asume a súa responsabilidade de mala xestión, manteñen aos responsables da situación caótica nos seus postos de traballo e cuns salarios desorbitados, co único fin de destruír o seu potencial humano.
O Grupo Isolux Corsán entregou a empresa aos bancos -na actualidade donos nun 95 % da débeda da compañía- asinando préstamos por un total de 2.000 millóns de Euros.
Isolux Corsán está ignorando os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras, está a aproveitarse da reforma laboral e pretende levar a cabo un despedimento colectivo de mínimos, argumentando a súa xustificación nunha “farsa”.
O conflito aberto neste grupo empresarial, non é alleo ás políticas destes últimos anos da economía. Os gobernos do momento financiaron e financiáronse destes grandes grupos empresariais (FCC, Isolux, Florentinos,…) en licitacións de obra civil e de adxudicacións de servizos públicos. Chegados os recortes nos que as inversións públicas e as ganancias empresariais son reducidas, o primeiro que fan e promulgar medidas de liquidación dos traballadores e traballadoras; para iso teñen unha ferramenta precisa que son os ERES, casualmente perfeccionados para a patronal polo goberno Zapatero.
Polo tanto, dende a CUT rexeitamos as medidas propostas pola empresa e dicimos NON AO ERE DE ISOLUX CORSÁN.