As traballadoras dos sectores de discapacidade, menores e infantil mobilizáronse hoxe ante o edificio da Xunta en San Caetano (Compostela) para demandar da consellería de Política Social que actúe para garantir unhas condicións laborais dignas do persoal.
“A actitude da Xunta amosa unha falta de respecto pola negociación colectiva e polo benestar dos traballadores e traballadoras, así como das persoas ás que atenden.”
As organizacións sindicais dos tres sectores de atención ás persoas en Galicia (CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT, USO, CUT e SNEP) amosaron o seu malestar tras a ausencia de resposta da Conselleira de Política Social, Fabiola García (PP), á solicitude xuntanza para forzar a negociación dun convenio galego que recolla as demandas das traballadoras: dignificación salarial, mellora de ratios e dotación de recursos nos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3.

A actitude da Xunta amosa unha falta de respecto pola negociación colectiva e polo benestar dos traballadores e traballadoras, así como das persoas ás que atenden.

Dende a representación das traballadoras anuncian que seguirán as mobilizacións e que será a administración a principal culpable de que o conflito se agrave.












