Mobilización frea expediente a delegada da CUT en Aramark

215

A mobilización sindical frea un expediente contra a delegada da CUT nas Cafeterías de Aramark no CHUS da cidade compostelá. A central critica a colaboración do experimento que baixo as siglas COA serve de punta de lanza contra os dereitos sindicais das traballadoras afiliadas á CUT.

“Instrúanse, porque necesitaremos de toda de toda a nosa intelixencia, conmóvanse porque precisaremos todo o noso entusiasmo, organícense, porque necesitaremos toda a nosa forza”. Antonio Gramsci, L’Ordine Nuovo, ano I, nº 1, 1° de maio de 1919

A  multinacional ianqui Aramark Servizo de Cátering S.L, á fronte do Servizo de Cafeterías de diversos hospitais, leva tempo procurando a ampliación dos seus beneficios a cambio de despedimentos, ERTE arbitrarios e silenciamento da disidencia sindical.

A tarefa sindical da CUT no centro, xa difícil pola necesidade e a urxencia das compañeiras de lle facer fronte á coartada da pandemia para recortar dereitos (despedimentos, ERTE, advertencias…), incrementouse exponencialmente ao atoparse de fronte coa colaboración dun dispositivo parasindical, chamado COA (Candidatura Obreira Asemblearia), que está a servir de punta de lanza da represión contra a representación sindical.

Desta maneira, cando a CUT promoveu unha folga que a Asemblea de Persoal referendou, este invento proempresarial comezou unha contraofensiva recollendo sinaturas contra unha medida de conflito que pretendía devolverlle o emprego ao persoal maltratado polo ERTE e os despedimentos, entre os que se atopan compañeiras con baixas de longuísima duración.

A asesoría da CUT no centro denuncia “que baixo unha linguaxe máis leninista que a do propio Lenin se agoche a plena camaradaxe coa empresa e o boicot activo a calquera iniciativa sindical para frear a represión e o abuso empresarial”, e advirte que estas “malformacións do sindicalismo de clase, destinadas a pinzamentos coas empresas e os seus intereses, son as que poñen en risco e cuestión o prestixio dun instrumento tan necesario como o sindical”.

Estas acusacións non resistiron o mínimo contraste coa realidade, na que a representante da CUT leva tempo defendendo con enerxía e contra vento e marea os dereitos das súas compañeiras e compañeiros

O último pinzamento deste tipo foi a esixencia á mercantil de que, baixo acusacións nidiamente falsas, se iniciase un expediente sancionador contra a delegada de persoal da CUT. Estas acusacións non resistiron o mínimo contraste coa realidade, na que a representante da CUT leva tempo defendendo con enerxía e contra vento e marea os dereitos das súas compañeiras e compañeiros, e esixindo o inmediato regreso ao traballo de compañeiras que se atopan cada vez nunha situación máis feble a nivel social, económico e persoal.

A mobilización dos cadros sindicais da CUT, para denunciar ante a Xerencia do Complexo Hospitalario tal manobra represiva, con calor transformadora e solidaria, vén de conseguir que as acusacións mantidas contra a nosa delegada sindical se esfarelasen, e imperase a verdade e a razón, polo que non houbo alternativa para a empresa que o inmediato arquivo do expediente contra a representante da CUT.

A CUT celebra esta resolución e segue á espectativa de que se concrete a xuntanza solicitada coa responsábel de contratas do Hopistal, porque, para o sindicato, “os servizos públicos non son de ninguén, e non hai nada máis danoso para a imaxe dun servizo público que o feito de que a cidadanía reciba a mensaxe de que o diñeiro público se está a utilizar para aplastar dereitos sindicais”.